Inicio Carballo ao día Novas O Entroido sae ás rúas de Carballo...

PROGRAMA COMPLETO, BASES E IMPRESOS, NESTA NOVA

O Entroido sae ás rúas de Carballo para convidar a toda a cidadanía a unirse á festa

Arranca un extenso e intenso programa de actividades que terá o seu principal foco de atracción no concurso do 3 de marzo, con 8.500 euros en premios e gratificacións

Venres 15 de febreiro do 2019 Cultura

Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron o programa

Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron o programa

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presentaron esta maná no Pazo da Cultura as actividades do Entroido 2019, un extenso e intenso programa que, entre o 15 de febreiro e o 23 de marzo, inclúe os populares concurso e desfile de disfraces e carrozas, o enterro da sardiña, as propostas que organizan as distintas asociacións culturais e veciñais das parroquias -festas gastronómicas, cotillóns, obradoiros e foliadas, entre outras-, bailes para os maiores, animacións infantís e de rúa, e un concerto e unha masterclass de Manuel Blanco, un dos trompetistas clásicos máis importantes de España.

Concurso e desfile de comparsas, carrozas e disfraces

Presentada polo Mago Álex, o 3 de marzo celebrarase, ás 18.00 horas, a actividade máis emblemática do Entroido carballés e un dos desfiles de máis tradición da comarca, que incrementou este ano a contía dos premios ata os 8.500 euros, dos cales 4.000 destinaranse ás gratificacións por participación (de 125, 200 e 250 euros: dependendo do número de membros, aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas infantís ou de adultos), e o resto repartirase entre os gañadores.

A inscrición realizarase nas oficinas do Pazo da Cultura no caso de comparsas e carrozas, do 20 ao 28 de febreiro, e na Praza do Concello o mesmo día do desfile, ata unha hora antes do que comece. As bases, ficha de inscrición e outra documentación pódense descargar ao final desta nova.

Ao remate do desfile celebrarase, patrocinado pola Concellaría da Terceira Idade e amenizado pola Orquestra Trébol, o tradicional baile de disfraces na Praza do Concello, durante o cal terá lugar a entrega de premios do concurso.

Enterro da sardiña

Outra das actividades que máis público vai gañando cada ano celebrarase o 5 de marzo, desde as 21.00 horas. Como en anteriores edicións estará coordinada pola Aula Municipal de Teatro, con que colaborarán Vagalume Animación, Cruz Vermella e a charanga Santa Compaña, que animará e acompañará a comitiva.

Animación infantil

“O Entroido xa vén. Creación de instrumentos musicais para formar unha comparsa” é un obradoiro para nenos e nenas de 4 a 12 anos que se impartirá na Biblioteca Rego da Balsa o 4 de marzo, ás 18.00. Os que queirades participar non esquezades inscribirvos con antelación: pasando pola biblioteca ou no teléfono 981 758 580.

Animación de rúa

Este Entroido os encargados de levar á musica ás rúas son as charangas Mekánica (a tarde e noite do 3 de marzo) e Santa Compaña (a tarde e noite do 5 de marzo e o Enterro da sardiña).

Masterclass e concerto de trompeta co mestre Manuel Blanco

Aínda que fóra de programa, a Concellería de Cultura decidiu incluír esta actividade pola relevancia do seu protagonista. O 1 de marzo, para impartir unha masterclass ao alumnado de trompeta do CMUS, ás 19.00 horas, visitará o Pazo da Cultura Manuel Blanco, mestre na prestixiosa Escola Superior de Música Reina Sofía e profesor na Universidade Alfonso X, ademais de primeiro trompetista na Orquestra Nacional de Espana. Ao remate da clase (20.00 horas), Blanco ofrecerá un concerto, acompañado polo profesor de violín do conservatorio carballés Eduardo Coma.

Consulta máis abaixo o programa completo.

Presentación

“A organización do Entroido 2019 implicou, un ano máis, a coordinación de varios dos departamentos do Concello, non só o de Cultura, senón tamén o de Terceira Idade, e a colaboración de outras áreas, como a de Seguridade Cidadán, e das asociacións culturais, xuvenís e veciñais do municipio, ademais de Protección Civil, Policía Local e Brigada de Obras”, explicou Marcos Trigo da rolda de prensa de presentación do programa.

“O que pretendemos –engadiu- é fomentar a participación de todos os colectivos no programa do Entroido; crear un ambiente festivo na rúa cos concertos, charangas, concursos, desfiles e Enterro da sardiña; e ofertar actividades variadas para todas as idades”.

Para o alcalde, “o Entroido é unha festa de rúa, para desfrutar todos e transgredir e darlle á volta á realidade e gozar doutras realidade que permitan a farsa e a diversión”. “Desde o Concello –dixo- facemos un chamamento aos veciños para que vivan o Entroido non só como simples espectadores, senón que se involucren e participen como protagonistas, como un entroideiro máis”. “O programa é un programa que chega a moitos currunchos do concello, porque o Entroido sempre estivo vivo en todos os lugares”. “Este ano, o martes de Entroido –rematou- non puido ser declarado festivo, como viña sendo tradicional, porque os días 24 e 25 de xuño, son os que marcan a prioridade. Pero que isto non reste participación e espectacularidade á celebración”.

Descargas



Galería

Compartir: