Inicio Carballo ao día Novas A Policía Local incorpora unha moto tipo...

A Policía Local incorpora unha moto tipo trail ao seu parque móbil para seguir mellorando o servizo á cidadanía

O Concello de Carballo vén de adxudicar tamén o subministro dun vehículo todoterreo híbrido para a Policía Local e dun camión autobomba contraincendios para Protección Civil

Xoves 21 de febreiro do 2019

O Concello de Carballo está a realizar un importante investimento na renovación do parque móbil e de maquinaria de diferentes áreas municipais para seguir mellorando os servizos que prestamos á cidadanía. Hoxe pola mañá chegou a Carballo a última adquisición: unha motocicleta tipo trail que mellorará a mobilidade dos axentes e facilitará o traballo policial en determinados eventos, sobre todo deportivos e culturais. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Seguridade e Mobilidade, Milagros Lantes, acompañaron no acto de recepción do vehículo ao xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e a dous dos axentes que o utilizarán.

O parque móbil da Policía Local tamén se verá incrementado en breve cun novo vehículo todoterreo híbrido. A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa última sesión o subministro á empresa Breogán Motor por un importe de 41.327,01 euros.

Dentro da mellora das condicións de traballo e da operatividade dos servizos de seguridade e emerxencias, tamén foi adxudicado á empresa Vehículos, Equipamientos y Carrocerías Prieto-Puga o subministro dun novo camión autobomba contraincendios para Protección Civil. O custe ascende neste caso a 216.887,66 euros.

Ademais dos vehículos que se incorporarán en breve ao parque móbil do Concello de Carballo, dende principios de decembro está circulando tamén pola rede viaria municipal un novo tractor con desbrozadora de brazo, no que investimos 81.070 euros e que é utilizado pola Brigada Municipal de Obras nos labores de roza e limpeza da rede viaria de todo o concello.

Compartir: