O Horto Infantil Ecolóxico Municipal retoma a súa actividade tras o parón invernal con 62 nenos e nenas
Hoxe celebrouse un novo encontro interxeracional entre usuarios/as do Centro de Día pertencente á rede galega e alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero
Venres 22 de febreiro do 2019
Alumnado do CEIP San Luís Romero que participou no encontro interxeracional
Despois do parón invernal, a actividade regresará a vindeira semana ao Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo con 62 nenos e nenas, xa que o mércores empeza o obradoiro para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil. Para os nenos de tres anos será a súa primeira toma de contacto coas instalacións da rúa Nardos, non así para os seus compañeiros/as máis maiores, que xa se reincorporan o luns. Uns e outros teñen por diante tres meses claves para preparar a colleita que levarán á Pequefeira o 31 de maio.
Ao mesmo tempo, continúa a súa andadura o Horto Viaxeiro, no que participan este curso 2.000 alumnos e alumnas dos colexios Artai, CRA Ponte da Pedra, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Escola Infantil As Landras, CEIP Bergantiños e CEIP Xesús San Luís Romero. Este último foi, precisamente, o convidado de hoxe a un novo encontro interxeracional cos usuarios e usuarias do Centro de Día pertencente á Rede de Centros da Xunta de Galicia.
Usuarios/as do centro leron unhas coplas
Hoxe, no edificio da Praza de Vigo, que ten nestes momentos 26 usuarios/as, houbo unha festa moi especial, na que os/as maiores e o persoal do centro recibiron aos nenos e nenas cunha regueifa e estes correspondéronlles cun recitado de versos. Despois de intercambiar experiencias e coñecementos, pequenos e maiores despedíronse cunha merenda e un intercambio de agasallos, aínda que o mellor de todos foi poder compartir un anaco desta mañá de venres.