Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará no...

A corporación municipal aprobará no pleno do luns ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria

O Concello de Carballo adherirase á Iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

Venres 22 de febreiro do 2019

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

O luns celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. Entre os numerosos asuntos que integran a orde do día destaca a aprobación definitiva, unha vez superado o período de alegacións, da Ordenanza municipal reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria.

Durante a exposición ao público presentáronse, como explicou hoxe a concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, 18 alegacións e 16 suxestións por parte dun grupo de axentes da Policía Local. “Aceptamos seis alegacións e catro suxestións porque en xeral melloran o texto. Había outras que xa estaban modificadas no texto e algunhas que se considerou que non deberían ser obxecto dunha ordenanza, pero é positivo que persoas que non traballaron no texto fixesen un traballo tan minucioso, porque sempre se pode enriquecer o documento, e ademais sen entrar en contradición co contido da ordenanza en ningún momento”, manifestou.

Relacionado en parte está outro dos asuntos que abordará a corporación: a adhesión do Concello de Carballo á Iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que ten como finalidade involucrar ás administracións e á cidadanía para reducir as emisións de CO2 nun 40%, como mínimo, de aquí ao ano 2030, implementando para elo medidas que afectarán a instalacións, equipamentos, transporte, edificación, residuos sólidos urbanos ou ciclo integral da auga. O alcalde, Evencio Ferrero, destacou que cada vez hai máis cidades adheridas á plataforma europea, que, engadiu, “é algo que ten que formar parte da axenda de traballo de calquera goberno preocupado polo medio ambiente”.

No pleno de febreiro tamén se abordarán varios asuntos relacionados co persoal, en concreto a aprobación do acordo regulador do persoal funcionario e do convenio colectivo do persoal laboral, que contan co visto bo da mesa de negociación, e a modificación da RPT para incluír unha praza de viceinterventor/a.

Por indicación da Deputación da Coruña, por outra banda, tamén será preciso cambiar o nome dun dos proxectos incluídos no POS+ 2019 e dividir outro en dous.

En materia económica presentarase para a súa aprobación o primeiro recoñecemento extraxudicial de créditos do ano, por importe de 213.731,90 euros, e darase conta dos informes de morosidade e estabilidade orzamentaria. En canto ao primeiro, o Concello de Carballo mantén “unha ratio excelente”, en palabras do alcalde, xa que o período medio de pago a provedores sitúase en 4,85 días. Sobre o segundo destacou que o Concello non ten débeda algunha con entidades financeiras e que, aínda que non está pechada a conta xeral e se descoñece “se cumprimos a regra de gasto”, ao peche do ano 2018 contabamos con fondos líquidos por valor de 16.413.397,99 euros, o que demostra, insistiu Evencio Ferrero, a irracionalidade dunha regra que impide aos concellos investir os cartos que teñen.

No pleno do luns tamén serán debatidas dúas mocións da oposición, unha de TeGa sobre a accesibilidade a un edificio da rúa Blanco Amor que quedou sobre a mesa na sesión anterior á espera dos informes técnicos correspondentes e outra do PP sobre o cambio de sentido da circulación na rúa San Xosé. En canto á primeira, o alcalde explicou que por parte dos servizos técnicos municipais elaborouse unha proposta que non coincide plenamente coa de TeGa e que foi presentada á propiedade para que decida, porque, aclarou, “non imos facer nada sen que queiran os propietarios”. Sobre a iniciativa dos populares, Evencio Ferrero considera que “non é procedente” e que, lonxe de mellorar o tráfico, provocaría un problema.

Compartir: