Inicio Carballo ao día Novas O obradoiro de emprego de carpintería...

CLAUSURA NO FÓRUM CARBALLO

O obradoiro de emprego de carpintería deixa como legado o mobiliario que se instalará nas rúas Luís Braille e Xílgaro

O alcalde, Evencio Ferrero, e o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, desexaron ao alumnado unha pronta inserción laboral

Luns 25 de marzo do 2019

Coa entrega de diplomas remataron os seis meses de formación teórica e, sobre todo, práctica para o alumnado do obradoiro de emprego de carpintería que se desenvolveu no Fórum Carballo grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello. Representantes de ámbalas dúas administracións asistiron ao acto, que tivo lugar nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría tras unha visita á nave de carpintería e unha breve explicación por parte da dirección e do profesorado do obradoiro do traballo desenvolvido. O obradoiro remata, pero deixa como legado o mobiliario urbano que se instalará nas rúas Luís Braille e Xílgaro, nas que pronto comezarán as obras de reurbanización.

Bancos de diferentes modelos, en función do lugar no que irán situados; pérgolas e xardineiras lembrarán o traballo realizado polo alumnado. Pero non só en carpintería se traballou para este novo proxecto urbanístico, senón que, como destacou o director do Centro Municipal de Formación, Juan Lorenzo, inténtase implicar aos distintos cursos nos traballos que se levan a cabo, e neste caso participou o de metal.

Un total de 10 alumnos e 1 alumna do Sistema de Garantía Xuvenil recibirán, tras participar no obradoiro de carpintería, un certificado de profesionalidade válido en todo o Estado. Tanto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, coma o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, felicitaron aos participantes polo aproveitamento do curso e desexáronlles unha pronta inserción laboral, que é o obxectivo final deste tipo de accións formativas.

Ademais de Evencio Ferrero e Ovidio Rodeiro, no acto de hoxe estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez Arca; os concelleiros do goberno municipal Milagros Lantes e Xosé Regueira, e o xefe da oposición, Aurelio Núñez, que tiveron a oportunidade de compartir co alumnado e co profesorado do obradoiro de emprego un aperitivo nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría, outra mostra de colaboración entre os distintos cursos.

Compartir: