Inicio Carballo ao día Novas Empresarios e Concello unen esforzos de cara...

Empresarios e Concello unen esforzos de cara á consecución dun selo de calidade para o polígono de Bértoa

Representantes da Asociación de Empresarios e do Concello de Carballo iniciaron hoxe unha visita de traballo a Euskadi, a comunidade autónoma con máis parques certificados

Martes 26 de marzo do 2019

A expedición carballesa mantivo xa un encontro de traballo no polígono Bildosola

A expedición carballesa mantivo xa un encontro de traballo no polígono Bildosola

Pablo Rodríguez e José Bello, en representación da Asociación de Empresarios do Polígono, e Milagros Lantes e Luis Lamas, do Concello de Carballo, iniciaron hoxe unha visita de traballo a Euskadi co obxectivo de coñecer de primeira man experiencias de parques empresariais que contan con selos de calidade de cara á certificación, a medio prazo, do polígono carballés.

Nesta primeira xornada tiveron a oportunidade de entrevistarse con Mikel Oregi, responsable de empresas participadas de Sprilur (que sería a entidade equivalente a Xestur en Galicia), e Ibón Goiriena, xerente de Industrialdeak de Bizkaia. A reunión tivo lugar esta mesma tarde no polígono Bildosola, en Artea, que foi o primeiro xestionado directamente por Sprilur en obter a certificación.

Mañá pola mañá teñen prevista unha visita ao polígono Torrelagoiti, en Zamudio, que foi o primeiro certificado en España. Despois dunha sesión informativa sobre a Marca Polígono Empresarial de Calidade, a expedición carballesa reunirase con Alex Loustaunau, responsable de calidade da CEPE (Coordinadora Española de Polígonos Empresariais) e xerente da Axencia de Desenvolvemento Local da Mancomunidade de Txorierri.

O obxectivo desta viaxe é iniciar a tramitación de cara á consecución dun selo de calidade para o Polígono de Carballo, un proxecto no que están a traballar a Asociación de Empresarios e a Concellaría de Promoción Económica. CEPE, en colaboración con AENOR, puxo en marcha a primeira marca europea de calidade para polígonos e parques empresariais co obxectivo de contribuír á competitividade do territorio a través da mellora da xestión do solo industrial. Para conseguir a certificación é preciso acadar uns niveis determinados en aspectos de todo tipo: requisitos xurídicos, de titularidade, infraestruturas ou de influencia social, entre outros. En Galicia, o único polígono certificado é o de Agrela (A Coruña). Euskadi é a comunidade autónoma con máis parques certificados, e por iso se organizou esta viaxe de traballo.

Compartir: