Inicio Carballo ao día Novas Máis dun centenar de mozos xa se...

O xornalista Luís Fraga participará no acto de apertura do evento e explicará a importancia do esforzo na procura de emprego

Máis dun centenar de mozos xa se inscribiron na Feira de Emprego da Cámara de Comercio da Coruña a unha semana da apertura

Empresas de distintos sectores, como Grupo Calvo, Gadisa, Herfraga, Mapfre ou Prosegur, recollerán currículos e farán entrevistas de traballo

Xoves 28 de marzo do 2019

Máis de 100 mozos e un total de 20 empresas inscribíronse ata o momento para participar na IV Feira de Emprego da Cámara de Comercio da Coruña, que por primeira vez celébrase no noso concello. Será o próximo 4 de abril, no Fórum Carballo, de 10.00 a 14.00 horas.

No acto de apertura, cuxa inauguración correrá a cargo do presidente e do director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro e Gonzalo Ortiz, respectivamente, participará o xornalista Luís Fraga, que na súa intervención explicará aos mozos a importancia do esforzo e tamén a necesidade de prepararse a conciencia para superar con éxito os procesos de selección laboral, cada vez máis competitivos. O acto tamén contará coa presenza do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Na súa aposta por combater o paro xuvenil, a entidade cameral organizou para o xoves 4 de abril unha intensa xornada onde os mozos poderán entregar o seu currículo e entrevistarse con responsables de Recursos Humanos dalgunhas das empresas máis punteiras da provincia, ademais de asistir a charlas impartidas por destacados expertos en empregabilidade, xestión de emocións e autoemprego.

O requisito, estar no Programa de Garantía Xuvenil

Para participar na IV Feira de Emprego é necesario estar inscrito no Programa de Garantía Xuvenil que impulsa a Cámara de Comercio da Coruña desde 2015. Neste sentido, desde a institución animan a formar parte da iniciativa e a apuntarse. A inscrición é gratuíta e debe facerse na web feriaempleocoruna.es. As persoas interesadas en ter máis información poden chamar ao 981 216 072.

Grupo Calvo, Gadisa, Herfraga, Softtek, Vegalsa-Eroski, Mapfre e Prosegur son algunhas das 20 empresas que xa confirmaron a súa presenza na feira, que xa é todo un referente na loita contra o desemprego, poñendo en contacto a mozos que nin estudan nin traballan con empresas dos máis diversos sectores e cun denominador común: teñen procesos de selección abertos.

A IV Feira de Emprego da Coruña enmárcase no Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) das Cámaras de Comercio de España. É un dos instrumentos que articulan en España o Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 do Fondo Social Europeo e forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, unha iniciativa do Ministerio de Emprego e Seguridade Social en coherencia coa Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo. O seu obxectivo é apoiar a redución da taxa de desemprego entre os mozos, mellorando o a súa cualificación e empregabilidade e promovendo o autoemprego.

Compartir: