Inicio Carballo ao día Novas Carballo súmase un ano máis...

SÁBADO 30 DE MARZO, DE 20.30 A 21.30

Carballo súmase un ano máis á Hora do Planeta apagando as luces da Praza do Concello durante unha hora

O Concello anima á cidadanía a participar tamén neste xesto simbólico na loita contra o cambio climático

Venres 29 de marzo do 2019 Deporte

Sabemos que apagar durante unha hora o alumeado da Praza do Concello non pasa de ser un xesto simbólico, pero os símbolos tamén son necesarios na loita contra o cambio climático. Por iso, o Concello de Carballo volve a sumarse á Hora do Planeta, a campaña de WWF que comezou hai máis dunha década en Australia e que hoxe está estendida por todo o mundo. A iniciativa pretende concienciar a sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte aos danos provocados pola actividade humana no ambiente, así como reducir as emisións contaminantes, aforrar enerxía e rebaixar a contaminación lumínica. O compromiso debe ser colectivo, e por iso convidamos a toda a cidadanía a participar tamén apagando as luces o sábado 30 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas.

Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo nun dos últimos sábados do mes de marzo e, nesta ocasión, o 30. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista Fondo Mundial para a Natureza (WWF) ou compartir a campaña a través das redes sociais. 

A Hora do Planeta é, principalmente, unha iniciativa lúdica. Non se pretende medir o aforro enerxético, xa que o impacto real é a sensibilización. Por iso é tan importante a participación de todas e todos.

Compartir: