Inicio Carballo ao día Novas Capturadas 1.480 raíñas no primeiro...

Capturadas 1.480 raíñas no primeiro mes da campaña de trampeo contra a avespa velutina

Un total de 53 persoas colaboran co Servizo Municipal de Control de Pragas na loita contra a avespa asiática

Mércores 3 de abril do 2019

En todo o concello temos colocadas xa 561 trampas

En todo o concello temos colocadas xa 561 trampas

O primeiro mes da campaña de trampeo que puxemos en marcha dende o Servizo Municipal de Control de Pragas saldouse coa captura de 1.480 raíñas de avespa velutina. A campaña, que se prolongará ata o 31 de maio, conta este ano coa participación de 53 persoas que están a colaborar nas distintas parroquias, nas que temos colocadas xa 561 trampas.

Os/as apicultores/as son os principais colaboradores do servizo. Nestes momentos temos trampas repartidas por todo o territorio municipal, e en todas as parroquias se produciron capturas de raíñas, aínda que nunhas máis ca noutras. Rus, con 397 avespas, ten o récord deste primeiro mes.

Estamos nun momento clave para a loita contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante. Non é doado, porque a actividade da especie, malia todo, é moi intensa. O Servizo Municipal de Control de Pragas xa retirou no mes de marzo os primeiros 8 niños primarios deste ano, ao tempo que continúa acudindo a avisos polo descubrimento de niños secundarios, un total de 40 no que vai de ano, aínda que moitos deles sen actividade.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 112, o 012 ou directamente á empresa encargada do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, ao 981 754 699.

Compartir: