Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de asfaltado de accesos a...

Adxudicadas as obras de asfaltado de accesos a vivendas nas 18 parroquias e as de reurbanización da contorna do Fórum

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o plan especial de infraestruturas e dotacións no ámbito previsto para a construción do centro social de Goiáns

Martes 9 de abril do 2019

O proxecto afectará ás rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira

O proxecto afectará ás rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira

A Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Construcciones Vázquez y Reino as obras de asfaltado de accesos a vivendas, explotacións e parcelas de uso público nas 18 parroquias. O investimento acada os 432.091 euros e o prazo de execución será de tres meses.

O proxecto consiste na dotación dunha nova capa de rodaxe en 72 treitos de distintas lonxitudes e anchos. En total serán pavimentados máis de 12 quilómetros de pistas, cunha superficie de 43.693,84 metros cadrados. Agás en dous casos, nos que se aplicará dobre rego, en todas as vías está prevista a aplicación dunha capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor.

Tamén foron adxudicadas, neste caso á empresa Construcciones López Cao, as obras de reurbanización da contorna do Fórum Carballo. A actuación, que suporá un investimento de 379.371,30 euros, inclúe a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, e a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria mediante a reordenación dos espazos e a renovación de pavimentos en dous treitos: a rúa Xílgaro, dende o cruce coa avenida da Milagrosa ata a rotonda con Luís Braille e dende este punto ata o entronque coas rúas Campo da Feira e Fotógrafo José Vidal, e as rúas Luís Braille e Enxeñeiro Barreira. Ao mesmo tempo, as obras están concibidas para mellorar as condicións de celebración da feira.

As rúas Xílgaro e Luís Braille serán de dirección única, con aparcamento en ámbalas dúas marxes e zonas peonís máis amplas que incluirán, ademais, vexetación para darlle certa continuidade á rede verde entre o Parque da Milagrosa e a contorna menos consolidada. O corredor peonil cuberto que discorre baixo os soportais edificados será renovado para integralo no espazo e crearase espazos verdes que integrarán, ademais, o mobiliario fabricado polo alumnado do obradoiro de emprego de carpintería. O prazo de execución será de 22 semanas.

Centro social de Goiáns

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o Plan especial de infraestruturas e dotacións en solo rústico en Xoane (Goiáns), un trámite imprescindible para poder acometer a construción dun centro social na zona elixida pola veciñanza, integrada por un ámbito de 3.500 metros cadrados en solo rústico de especial protección agropecuaria e outro de 600 que se corresponde co Campo do Chaquel, cualificado como dotación local de espazos libres.

Emprego público

Entre outros asuntos, na sesión desta semana foron aprobadas as bases e a a convocatoria para a selección dun técnico de administración xeral para Secretaría polo sistema de oposición libre. Fóra da orde do día tamén saíu adiante a corrección das bases e a convocatoria para a selección de 8 administrativos/as polo sistema de concurso-oposición de promoción interna. En materia de persoal tamén se modifica a oferta pública de emprego deste ano para incluír unha praza de oficial de policía que se cubrirá polo sistema de mobilidade.

Compartir: