Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo participa nunha nova...

O Concello de Carballo participa nunha nova edición do programa provincial "Libros para sermos libres"

Os exemplares distribuídos pola Deputación da Coruña serán "liberados" nos puntos de bookcrossing dos institutos e da Biblioteca Rego da Balsa

Luns 22 de abril do 2019 Cultura

O Concello de Carballo participa no programa da Deputación da Coruña "Libros para sermos libres", co que este 23 de abril conmemora o Día do Libro. Con esta iniciativa, a área de Cultura distribúe en todo o territorio libros que formaban parte do seu fondo editorial e estaban xa fóra de circulación. No noso caso, os libros serán liberados nos puntos de bookcrossing que temos instalados nos tres institutos públicos de secundaria e na Biblioteca Rego da Balsa.

"Queremos conmemorar o Día do Libro da man dos concellos, facendo un reparto de volumes que forman parte do fondo da Deputación da Coruña e que, desta maneira, chegan a lectoras e lectores de maneira directa nun día de festa", sinala a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei. En total, serán 6.000 volumes cos que se completan os máis de 19.000 que se destinaron a esta iniciativa que se desenvolveu ao longo dos tres anos na totalidade de concellos da Coruña.

Desta maneira, este 23 de abril, día en que se conmemora o Día do Libro, serán 29 os concellos en que se repartirán libros en distintas fórmulas nesta terceira conmemoración do programa en que se inclúen tamén as tres cidades, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol."Son libros que xa estaban no fondo e que se reparten con actividades que organizan os propios concellos arredor dos libros da Deputación da Coruña nunha iniciativa da que temos moi boas experiencias nas anteriores edicións", sinala Goretti Sanmartín.

Libros de poesía, teatro, narrativa, ensaio e investigación compoñen o fondo que a Deputación da Coruña saca do seu fondo para difundilo a través deste programa que inclúe, de maneira especial, algúns dos títulos premiados nas distintas convocatorias de premios da institución, dos Torrente Ballester de narrativa ao González Garcés de Poesía pasando polo Dieste de Teatro, o Castelao de Banda Deseñada ou o Manuel Munguía de ensaio.

Compartir: