Inicio Carballo ao día Novas Aprobada por unanimidade a Ordenanza Fiscal de...

PLENO ORDINARIO

Aprobada por unanimidade a Ordenanza Fiscal de Xestión, Inspección e Recadación Tributaria

A última sesión do mandato comezou co sorteo das mesas para as eleccións municipais e europeas e os parabéns do resto dos grupos ao PSOE polos bos resultados obtidos nas xerais

Martes 30 de abril do 2019

A corporación municipal, no pleno do luns, en pleno sorteo das mesas electorais

A corporación municipal, no pleno do luns, en pleno sorteo das mesas electorais

O último pleno do mandato comezou co sorteo das mesas para as eleccións municipais e europeas do 26 de maio e cos parabéns de todos os grupos ao PSOE polos bos resultados obtidos nas xerais. Os socialistas chegaron cuns minutos de retraso, polo que a sesión comezou pasadas xa as 20.30 horas, pero abondou media hora para sacar adiante todos os asuntos incluídos na orde do día.

Houbo dous acordos unánimes. Por unha banda, a modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que recolle as achegas realizadas polos técnicos con respecto ás contradicións, dúbidas ou erros de redacción detectados na normativa. Por outra, a aprobación inicial da Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión, Inspección e Recadación Tributaria, que tamén foi proposta polos servizos técnicos económicos.

Mari Carmen Vila e Valentín Costa, concelleiros socialistas

Mari Carmen Vila e Valentín Costa, concelleiros socialistas

Nesta última sesión do mandato tamén se aprobou a actualización do inventario municipal de bens, neste caso cos votos en contra de TeGa e a abstención de populares e socialistas. Toda a oposición abstívose con respecto á conta de recadación correspondente ao exercicio 2018, que ascende a 11.659.205,69 euros, e tamén en relación coa revisión de prezos do contrato de alumeado e co recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores.

TeGa foi o único grupo que presentou preguntas, sobre o proceso de selección de inspector de policía, as obras do Chorís ou os novos límites de velocidade, entre outras.

Compartir: