Inicio Carballo ao día Novas Volve "Ruar e rir" aos pasos de...

Volve "Ruar e rir" aos pasos de peóns tras un proceso creativo no que participou alumnado de ESO e Bacharelato

Nesta ocasión pintaranse 18 mensaxes como parte da proposta "As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos"

Luns 13 de maio do 2019

Foto de familia de organizadores e participantes tras a presentación

Foto de familia de organizadores e participantes tras a presentación

Volve Ruar e rir, a iniciativa coa que o Concello de Carballo deulle vida en 2015 aos pasos de peóns da vila con frases para a reflexión. Agora, con motivo do Día das Letras Galegas e cun marcado fin pedagóxico, Ruar e rir 2: As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos adquire un novo significado, xa que as 18 novas mensaxes que se pintarán nos próximos días nacen dun proceso creativo no que participaron alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do IES Alfredo Brañas e de 4º da ESO do IES Monte Neme, coordinados polo sociólogo e inspirador do proxecto Santiago Pazos e supervisados polas profesoras de lingua galega deses centros. Entre todos chegaron ás frases definitivas que os mesmos escolares trazarán nas rúas; entre elas, a que subtitula o proxecto. Durante as sesións houbo espazo para o debate sobre a lingua, a aprendizaxe de vocabulario, a revisión da ortografía e da gramática e, sobre todo, para deixar voar a imaxinación.

Organizada pola concellaría de Promoción Económica e Normalización Lingüística, ‘Ruar e rir 2’ quere ser tamén unha homenaxe viva ao galego. Por ese motivo, as pintadas realizaranse en horario lectivo nos días previos ao Día das Letras. Para unir a literatura coa creación artística, o alumnado contará coa axuda de coñecidos creadores plásticos carballeses: Cristina Castro, María Marticorena, Santi Picos e Mon Lendoiro.

Estas son algunhas das novas frases de ‘Ruar e rir 2’:

  • “Precaución, aquí aprendemos a pensar”, no acceso ao IES Alfredo Brañas.
  • “Polos cóbados roídos respira o coñecemento”, no acceso ao IES Monte Neme.
  • “Soñar é de balde”, na contorna do mural “A Orixe” na rúa Fábrica.
  • “A lectura é o atallo para a cultura”.
  • “Entre bicos e agarimos enguedello polo camiño”.

Presentación

O alumnado empezou a pintar hoxe

O alumnado empezou a pintar hoxe

‘Ruar e rir 2’presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa á que asistiron profesoras, alumnos e alumnas que colaboraron no proxecto e na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Educación, Mar Eirís; a técnico municipal de Turismo, Maite Parga, e o sociólogo Santi Pazos.

“Este proxecto -explicou Maite Parga- enmárcase dentro das iniciativas de intervención no espazo urbano emprendidas polo Concello, como ‘Derrubando muros con pintura’ ou ‘Arte na rúa’. Nesta edición, e sempre coa lingua galega como referente, quixemos facer cómplices a unha parte da cidadanía que ten moito que dicir, que sodes vós, os mozos e mozas”.

Santi Pazos salientou “o acento pedagóxico” desta segundo ‘Ruar e rir’, “en contra da primeira edición, máis individual, máis personalista. Se queremos formar cidadáns temos que darlle as ferramentas. As rúas das cidades son lugares sentimentais nos que nos pasan cousas que sempre recordaremos: unha conversa especial, un bico... En Carballo, en comparanza con outras cidades, temos adiantado moito na humanización do espazo urbano, que é outro dos obxectivos implícitos en ‘Ruar e Rir’”.

Evencio Ferrero lembrou que a xente da súa xeración e da de Santi Pazos tivo que ver como lle foran “roubados” os símbolos de Carballo: “Tivemos que ver é sufrir como desaparecían e eran derrubados a antiga casa do concello, por exemplo, e todos os referentes urbanos un tras outro. E esa cidade que, no seu momento, era un exemplo en Galicia de vila urbana quedou como quedou, así que o noso deber é actuar sobre ela para mellorala. Para iso -engadiu- haina que sentir como propia e niso teñen moito que dicir iniciativas como ‘Ruar e Rir’, non hai máis que ver o afortunados que son todos os mensaxes que pintaredes estes días nos pasos de peóns. Temos que traballar para que a xente se sinta orgullosa do sitio no que elixe vivir, e todas estas reflexións que vos fixestes son tamén moi necesarias para construír cidade”, rematou.

Compartir: