Inicio Carballo ao día Novas Escola Lubiáns ofrécenos esta fin...

Escola Lubiáns ofrécenos esta fin de semana unha cita dobre cos patíns con moito protagonismo feminino

O hóckey será o protagonista da xornada do sábado, e a patinaxe, do domingo

Xoves 30 de maio do 2019 Deporte

Presentación das actividades

Presentación das actividades

O pavillón Carballo Calero acolle este primeiro fin de semana de xuño un interesantísma dobre cita para os amantes dos patíns, organizada pola Escola Lubiáns en colaboración con Concello de Carballo, Carballo Deporte, Carballo a un paso, a Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. Hoxe presentaron o programa representantes do club, deportistas e o concelleiro Marcos Trigo.

O sábado é quenda para o hóckey. Ás 16.30 horas disputarase o encontro entre Escola Lubiáns e Compañía de María B, da Primera Autonómica prebenxamín. Seguiralle, ás 17.30, un amigable de promoción de hóckey feminino no que participarán xogadoras de todos os clubs da liga galega, tanto da categoría sub-16 como da absoluta, e ao que tamén están convidadas xogadoras e ex xogadoras da OK Liga Feminina, a máxima división do hóckey estatal. Lubiáns estará representado por Noelia Castro e Lucía Velo, quen a pasada xornada se proclamaron campionas galegas sub-16 co HC Borbolla -polo baixo número de licenzas a Federación permite a cesión de xogadoras. O sábado pecharase co Calvo Escola Lubiáns-Compañía de María B, da OK Liga Bronce.

Xa o domingo, ás 16.30  horas, comezará o VII Festival de patinaxe artística Escola Lubiáns, no que participaran máis de 200 patinadores e patinadoras dos clubs CEIP Castelao, CP Galia, CEIP A Cristina, AC Ordes, CP Conxuro e Escola Lubiáns.

Compartir: