Inicio Carballo ao día Novas Unha xornada técnica sobre violencia de...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

Unha xornada técnica sobre violencia de xénero reunirá en Carballo a profesionais de toda a Costa da Morte

Nace Carballo enRede, un programa de prevención da violencia contra a muller que trata de impulsar a coordinación de todos/as os/as profesionais implicados/as

Sábado 1 de xuño do 2019

Unha xornada técnica sobre violencia de xénero será a primeira das actividades de Carballo enRede, un programa de prevención da violencia contra a muller impulsado dende a Concellaría de Igualdade e Benestar co obxectivo de fomentar e favorecer a coordinación entre todos/as os/as profesionais implicados/as dende diferentes ámbitos no traballo contra a violencia de xénero.

Esta primeira xornada técnica pretende reunir en Carballo a profesionais de toda a Costa da Morte para seguir avanzando na formación para ofrecer unha resposta integral ás vítimas da violencia de xénero, prestando especial atención á coordinación e ao traballo en rede como elementos  fundamentais para acadar ese obxectivo. A xornada está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

A I Xornada técnica sobre violencia de xénero celebrarase o venres 14 de xuño no Fórum Carballo, e contará coa participación de profesionais coma Juan José López Ossorio, xefe de área do Gabinete de coordinación e estudos da Secretaría de Estado de Interior; Fátima Alonso, psicóloga e coordinadora dos programas de intervención con vítimas do COPG; Noelia Marta Gantes, coordinadora do servizo Atenpro da Cruz Vermella; Chelo Neira Leis, director do CRI e coordinadora da Rede galega de acollemento; María Debén, xurista e coordinadora de Igualdade na Delegación do Goberno na Coruña; Paz Filgueiras, xuíza no Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo; Rosana Izquierdo, médica de familia e coordinadora do grupo de traballo sobre violencia de xénero na AGMFC, ou David Kaplun, antropólogo, formador e investigador en xénero, violencia e diversidade, e membro activo de AHIGE.

O programa completo pode descargarse ao final desta nova.

A xornada vai destinada a profesionais dos servizos sociais, centros de información á muller, persoal sanitario, da xustiza, dos corpos e forzas de seguridade, do ensino e a orientación educativa, técnicos/as de orientación socio-laboral, etc.

A inscrición é gratuíta e pode formalizarse ata o 10 de xuño enviando, debidamente cuberto, o formulario que atoparedes máis abaixo a cim@carballo.gal. As persoas que precisen máis información poden dirixirse tamén ao edificio de servizos sociais, na Praza do Médico Eduardo Mariño, ou chamar aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460.

Descargas

Compartir: