Inicio Carballo ao día Novas Avanzan os traballos de posta a punto das praias...

ESTE ANO VOLVEMOS A CONTAR CON 3 BANDEIRAS AZUIS, 2 CERTIFICADOS DE CALIDADE AMBIENTAL E 1 SENDEIRO AZUL

Avanzan os traballos de posta a punto das praias de cara ao inminente comezo da temporada de verán

O 1 de xuño arrincou a temporada alta para o servizo de limpeza e o 9 empezará a traballar tamén o de salvamento e socorrismo

Martes 4 de xuño do 2019

A mellora dos servizos á cidadanía e o desenvolvemento sostible son dous obxectivos permanentes nos que estamos a traballar no noso litoral.

O traballo coordinado dende as áreas de Medio Ambiente, Promoción Económica, Obras e Servizos, e Protección Civil vén de ser recoñecido, un ano máis, pola Fundación Adeac con tres bandeiras azuis para as praias de As Saíñas, Pedra do Sal e Razo e un sendeiro azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio. Pero en Carballo tamén apostamos polas certificacións europeas máis esixentes para as nosas praias, e vimos de renovar o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio dos que están implantados en Europa.

Carballo é o único concello da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta con estes certificados de calidade, que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Neste sentido, o ano pasado implantamos un sistema informático que facilita os controis de calidade que realizamos a diario.

Limpeza e salvamento

Un sistema informático facilita o control de calidade

Un sistema informático facilita o control de calidade

Nese obxectivo permanente da mellora dos servizos, o 1 de xuño comezou a temporada alta para o servizo de limpeza nos areais de Razo, As Saíñas, Pedra do Sal, Arnela e Leira, nos que se realizarán traballos diarios de posta a punto tanto nas propias praias como nos accesos, aparcadoiros, zonas verdes, postos de socorristas, servizos hixiénicos e baleirado de papeleiras. A limpeza realízase con medios mecánicos agás nas zonas de aniñamento da píllara das dunas, unha especie ameazada que estamos intentando protexer sinalizando debidamente os seus niños, e que desde aquí aproveitamos para pedirvos que respectedes e fagades respectar.

Do mesmo xeito, lembrámosvos que desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro está prohibida a presenza de cans nas praias, unha prohibición que se estende a todo o ano nos espazos da lagoa, a marisma e trasdunas de Baldaio.

Nas últimas semanas estamos a traballar tamén na posta a punto do mobiliario urbano, que todos os anos sofre as consecuencias dos temporais durante o inverno, e o domingo 9 de xuño empezará a operar o servizo de salvamento e socorrismo, que estará activo durante tres meses. Na primeira convocatoria cubríronse 22 dos 30 postos ofertados.

Compartir: