Inicio Carballo ao día Novas A tramitación de licenzas para naves no...

A tramitación de licenzas para naves no polígono industrial de Bértoa supera os niveis previos á crise

Dende o 2017 ata agora presentáronse no Concello case tantas solicitudes coma nos dez anos anteriores

Xoves 18 de xullo do 2019

A construción de naves é constante nos últimos dous anos

A construción de naves é continua nos últimos anos

O polígono industrial de Bértoa rexistra o nivel de desenvolvemento máis alto dos últimos vinte anos. A tramitación de licenzas para a construción de naves supera os niveis previos á crise, e dende o 2017 ata agora (dous anos e medio) presentáronse no Concello case tantas solicitudes coma nos dez anos anteriores. No 2017 bateuse o récord con 24 expedientes, pero nos seis primeiros meses deste ano xa levamos 13.

Nas dúas Xuntas de Goberno Local celebradas neste mes de xullo, a última esta mesma semana, foron aprobadas as licenzas de obra para cinco naves: unha sen actividade específica cun orzamento de execución material de 789.048 euros, outra para almacén dunha empresa construtora cun orzamento de 81.956,16 euros, outra máis sen actividade específica que custará 181.896 euros, outra destinada a fabricación de mobles que suporá un investimento de 341.175,74 euros e unha última destinada a oficinas que ten un orzamento de 89.346,40 euros. En total, case un millón de medio de investimento só nas obras de construción.

Así mesmo, este mes autorizouse a primeira ocupación e o inicio da actividade na nave destinada á produción de aceite de microalgas, unha actividade innovadora no noso parque empresarial e na contorna.

A actividade urbanística vai parella ao ritmo de venda de parcelas por parte de Xestur. O polígono de Bértoa é o que máis demanda ten de toda Galicia, como demostran os sucesivos procesos de adxudicación de solo, que cada vez é máis escaso e ofrece menos posibilidades para a instalación de grandes empresas debido ao reducido tamaño das parcelas. Nestes momentos só quedan dispoñibles 24 parcelas e a máis grande ten 13.000 metros cadrados, segundo figura na páxina web de Xestur.

Ligazóns

Compartir: