Inicio Carballo ao día Novas A Agrupación de Voluntarios de...

HOXE SÁBADO, ESTREA NAS 12 HORAS BTT

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil introduce a bici no seu parque móbil para mellorar o servizo á cidadanía

Os novos vehículos facilitarán o traballo en probas deportivas e grandes eventos, ademais de permitir a introdución de novos servizos en espazos peonís e ciclistas

Sábado 20 de xullo do 2019

Tanto se asistes como deportista como se o fas como público, nas 12 horas BTT que se celebran hoxe tes a oportunidade de ver en acción á nova unidade ciclista da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo. A entidade que preside José Luis Barca Añón introduce a bici no seu parque móbil coa intención de mellorar o servizo á cidadanía, como explicaron o propio presidente e o concelleiro delegado de Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane Collazo.

"Esperemos que estas dúas bicicletas sexan as primeiras dun feixe delas”, dixo Juan Seoane

“Estes vehículos veñen dar resposta a unha necesidade, tanto para algúns operativos onde hai dificultades para acceder en coche coma para acompañamento en determinadas probas deportivas”, explicou Juan Seoane. “Nese sentido _engadiu o concelleiro_ a bicicleta é un medio moi versátil, e neste caso ademais veñen equipadas con alforxas para que poidan levar todo o material. Esperemos que estas dúas bicicletas sexan as primeiras dun feixe delas”, declarou.

Do mesmo xeito que o concelleiro aludiu ao compromiso do Concello de Carballo coa dotación dos medios necesarios para que Protección Civil preste o mellor servizo á cidadanía, José Luis Barca destacou a implicación e o apoio do goberno municipal á agrupación. “Hoxe é un día importante _asegurou_. Empezamos unha andaina nova, a prestar servizos novos, máis axeitados aos tempos que estamos a vivir”.

"Empezamos unha andaina nova, a prestar servizos novos, máis axeitados aos tempos que estamos a vivir”, declarou Luis Barca

Ademais da versatilidade das bicicletas para o seguimento das probas deportivas, de grandes eventos ou mesmo para o acompañamento que se fai ano tras ano nas rutas organizadas pola Asociación Ambiental Senda Nova, Barca apuntou como novo obxectivo a organización de rutas de vixilancia no paseo do Anllóns para facilitar a atención ante unha caída ou unha picadura de insecto “e que a xente se sinta dalgunha maneira máis protexida”.

Vídeos

Compartir: