Inicio Carballo ao día Novas Comezou na contorna do Rego da Balsa o plan...

Comezou na contorna do Rego da Balsa o plan integral de mellora dos espazos axardinados en 11 enclaves urbanos

O centro especial de emprego Coregal encárgase da posta a punto das zonas verdes

Sábado 20 de xullo do 2019

O persoal do centro especial de emprego Coregal está a traballar xa na contorna do Rego da Balsa, o primeiro dos 11 espazos axardinados do casco urbano nos que se acometerá unha mellora integral nos vindeiros meses. O Concello de Carballo investirá un total de 88.572 euros na posta a punto dos xardíns das prazas do Concello, de Galicia e da Cruz Vermella, o parque Rego da Balsa e sete rotondas. En total, 8.430 metros cadrados. A maior superficie corresponde ao parque Rego da Balsa, con algo máis de 3.000 metros cadrados, e a menor, á rotonda da avenida de Razo, con 78,50.

O criterio básico da intervención é mellorar o estado actual de todas estas áreas e poñelas en valor. Con ese obxectivo instalarase en todas as zonas que o precisen un sistema de rede de rega automática, implantarase unha nova cuberta vexetal en todas elas, crearanse macizos con especies que aporten cor nas distintas estacións e ademais iniciarase un proceso de substitución do céspede por unha pradería formada por un conxunto de especies perennes e anuais co obxectivo de poñer en valor os espazos urbanos con especies autóctonas e propiciando unha floración gradual de vivas cores ao longo do ano.

Á hora de escoller a vexetación tivéronse en conta distintos aspectos, como a utilización de plantas autóctonas, o transplante dalgunhas das existentes para emprazamentos máis axeitados, os volumes, os olores, as necesidades hídricas das plantas, a persistencia da folla, a resistencia ao vento, o crecemento, as cores ou os froitos, así coma os lugares nos que se plantarán, buscando tamén unha maior resistencia ao ataque de pragas e enfermidades para reducir o uso de produtos fitosanitarios. En xeral utilizaranse especies arbustivas e arbóreas que non precisen reposición para optimizar a xestión dos xardíns, pero empregando á vez especies anuais que aporten vistosidade e cor ás zonas verdes.

Ademais da actuación nos espazos sinalados, o proxecto tamén inclúe a colocación de 35 xardineiras nos soportes das luminarias de distintas rúas e 4 torres florais nas rúas Martín Herrera, Desiderio Varela e Cervantes.

Compartir: