Inicio Carballo ao día Novas O plan de pavimentación con cemento de...

O plan de pavimentación con cemento de núcleos rurais chega a Vilar de Cidre e Entrecruces tras as obras das redes de auga e saneamento

O Concello de Carballo vén de investir preto de 400.000 euros entre os dous proxectos

Martes 23 de xullo do 2019

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Vilar de Cidre

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Vilar de Cidre

Os núcleos de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na parroquia de Entrecruces, e o de Vilar de Cidre, na de Razo, son mellores lugares para vivir despois do importante investimento realizado polo Concello de Carballo para dotalos de novos servizos e dunha rede viaria ben pavimentada. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron un percorrido para ver o remate das obras, nas que vimos de investir case 400.000 euros.

Dentro dos proxectos de saneamento desenvolvidos en ámbolos dous casos incluíronse tamén a instalación de tubaxes de cara ao futuro abastecemento e ademais, dentro do plan de pavimentación con cemento de núcleos rurais, realizouse unha actuación integral nas vías.

Así quedou o viario en Entrecruces

Así quedou o viario en Entrecruces

En Entrecruces solucionouse o problema da falta de saneamento coa instalación de 2.394 metros de rede e 72 pozos de rexistro. Pero tamén se aproveitou a actuación, executada pola empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, non sen dificultade debido á orografía e a que as vías son moi estreitas, para deixar colocadas as canalizacións da auga. A pavimentación con cemento do viario, que mesmo puido ampliarse nalgún punto concreto grazas á colaboración veciñal, puxo fin á actuación.

Tamén está rematada a obra en Vilar de Cidre, onde a conexión ao saneamento municipal implicou a colocación de 1.625 metros de tubaxes. Coma no caso anterior, tamén se aproveitou a actuación para incluír as canalizacións da traída de auga, que se conectarán á gran obra de abastecemento ás parroquias de Oza e Razo que temos en execución neste momento. O proxecto de Vilar de Cidre, executado pola empresa Construcciones López Cao, tamén quedou rematado coa pavimentación do viario do lugar.

Compartir: