Inicio Carballo ao día Novas Aprobado o convenio entre a Xunta de Galicia e o...

Aprobado o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo para a prevención e loita contra os incendios forestais

A Xunta de Goberno Local tamén aceptou a cesión dun terreo a Medio Rural para dous módulos temporais que acollerán aos novos equipos do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas

Luns 29 de xullo do 2019

Imaxe de arquivo dun incendio forestal

Imaxe de arquivo dun incendio forestal

A prevención e a loita contra os incendios forestais constitúen un obxectivo común de todas as Administracións, e nesa liña enmárcase o convenio entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Carballo aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local. O documento establece os compromisos adquiridos por cada Administración neste ano 2019 e establece os labores concretos que abrangue o acordo no noso concello.

Deste xeito, o Concello comprométese a manter durante tres meses un equipo formado por 1 motobomba e unha brigada composta por 5 operarios (o proceso selectivo rematou a semana pasada), que será o encargado de realizar tratamentos preventivos de xeito mecanizado en 200 hectáreas e de xeito manual noutras 10. A Consellería do Medio Rural achegará con esa finalidade unha partida de 67.559,62 euros, dos cales 37.270 proceden dos fondos FEADER.

En relación cos incendios forestais, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a concesión demanial á Consellería do Medio Rural dunha superficie de 30 metros cadrados nunha parcela municipal do polígono industrial de Bértoa que albergará dous módulos temporais de 15 metros cadrados cada un, sanitario e estancia de descanso, para as novas brigadas que se incorporarán ao operativo do Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe outras propostas:

  • Facturas por importe de 100.990,91 euros.
  • Subvención Carballo Activa á empresa Construcciones Metálicas Visantoña S.L. por importe de 300,51 euros pola contratación a xornada completa dun alumno do centro municipal de formación.
  • Bases da convocatoria de subvencións para a celebración de festas populares 2019.
  • Licenzas de obra para dúas naves no polígono industrial de Bértoa, outra para a ampliación dunha edificación de uso agrícola en Lema e outra para un movemento de terras na zona da Revolta.

Compartir: