Inicio Carballo ao día Novas A actividade da velutina disparouse en xullo, con...

AVISOS NOS TELÉFONOS 012 E 112

A actividade da velutina disparouse en xullo, con 122 niños desmantelados polo servizo municipal de control de pragas

Aínda son maioría os niños primarios, pero xa se localizaron 55 secundarios

Luns 5 de agosto do 2019

En xullo foi preciso utilizar a grúa nunha ocasión

En xullo foi preciso utilizar a grúa nunha ocasión

O mes de xullo non fixo moi bo tempo para as persoas que estiveron de vacacións, pero foi perfecto para a propagación da avespa velutina, como evidencian os datos do servizo municipal de control de pragas. O mes pasado foron desmantelados no noso concello un total de 122 niños: 67 primarios e 55 secundarios. Nun destes últimos foi precisa a utilización da grúa por atoparse a gran altura.

Árbores, valados e todo tipo de construcións albergan a práctica totalidade dos niños, pero é raro o mes que non nos sorprende un emprazamento. En xullo houbo dous, o motor dun pozo e un depósito de gasóleo, e os dous na parroquia de Ardaña. Aínda así, esta non foi a parroquia más afectada, nin moito menos. As “preferidas” das avespas foron Carballo, Bértoa e Rus, con 21, 17 e 16 niños, respectivamente, e tamén houbo gran incidencia da praga na zona costeira, con 33 niños entre as zonas de Razo e Baldaio.

Non todos os avisos que recibe o servizo municipal de control de pragas se corresponden con velutinas. Ás veces son avespas comúns, abellas ou abellóns, que a xente confunde coas asiáticas, como pasou en 11 ocasións no mes de xullo.

Picaduras

Na medida das posibilidades, o servizo municipal de control de pragas tamén intenta levar un control das persoas que sofren picaduras de avespas velutinas, que o mes pasado foron 9. Por iso, unha vez máis facemos un chamamento á precaución: antes de empezar a traballar no campo ou no monte é aconsellable inspeccionar o lugar por se existe algún niño e tamén observar se hai avespas voando pola zona, porque iso indicará que o niño está preto. Lembramos que as persoas que localicen algún poden dar aviso ao 112 ou ao 012.

Compartir: