Inicio Carballo ao día Novas Berocasión cumpre 14 anos cun...

Berocasión cumpre 14 anos cun récord de participantes, de vehículos e mesmo de temperaturas

A feira do vehículo de ocasión de Carballo, que se estenderá a toda a fin de semana, xa está consolidada coma a máis importante de Galicia en espazos abertos

Venres 23 de agosto do 2019

Berocasión celébrase na zona do Rego da Balsa

Berocasión celébrase na zona do Rego da Balsa

A máis de 30 graos arrincou esta mesma tarde a edición número 14 de Berocasión, que non só bate récords de temperaturas, senón tamén de participantes, con 15 concesionarios e establecementos de compra-venda, e de vehículos, con preto de 500. Os primeiros números da feira de vehículos de ocasión de Carballo, consolidada xa como a máis importante de Galicia en espazos abertos, non pintan nada mal, aínda que haberá que agardar a última hora do domingo para saber se se cumpren as boas expectativas coas que comeza. 

O Concello de Carballo traballa, un ano máis, co sector da automoción para que Berocasión poida seguir medrando. Automóviles Dimolk-Peugeot, Caeiro-Renault, J. Lema Multimarca, Miguel-Taller Cinco Multimarca, Rebalcars Multimarca, Vilas Rama-Citroën, V-Car, Chacar Multimarca, Balsacar Multimarca, Automóviles Antamotor, JGCar, Yañez, Garvi Automóviles, Grupo Breogán-Toyota e Bercauto son os 15 participantes. Nas súas exposicións atopamos vehículos de Km.0, seminovos, industriais, mixtos, de ocasión, nacionais, de importación... En definitiva, unha ampla selección de todo o que ofrece o mercado da automoción nestes momentos, con importantes descontos e con condicións especiais de financiación.

O ano pasado bateuse un récord de vendas na feira, con máis de 70 unidades, pero os empresarios participantes agardan mellorar esa cifra nesta ocasión. Para conseguilo dispoñen dunha longa fin de semana, que arrincou hoxe ás 16.00 horas e continuará mañá e o domingo dende as 10.00. O peche dependerá da afluencia de público, pero en principio quedou fixado para as 22.00 horas.

Compartir: