Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aprobou dúas...

A Xunta de Goberno Local aprobou dúas novas licenzas para a construción de naves no polígono industrial de Bértoa

Nestes momentos quedan dispoñibles unicamente 24 parcelas, que teñen os prezos bonificados ata o 30 de novembro

Luns 26 de agosto do 2019

Vista parcial do polígono

Vista parcial do polígono

O volume de licenzas urbanísticas aprobadas este verán é un claro indicativo do elevadísimo nivel de desenvolvemento que está a rexistrar o polígono industrial de Bértoa, o máis alto das dúas últimas décadas.

Só entre os meses de xullo e agosto foron aprobadas 9 licenzas para a construción de nave, as dúas últimas na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe. Trátase, ademais, de dous proxectos importantes: unha nave para resgardar camións de bombeos, cun orzamento de execución material de case 244.000 euros, e outra para a fabricación, distribución e venda de produtos químicos, que custará preto de 287.000 euros.

De continuar a este ritmo baterase o récord acadado no ano 2017, con 24 licenzas. Ao mesmo tempo, aumenta a urxencia do desenvolvemento de máis solo industrial para dar resposta á gran demanda que rexistra o noso parque empresarial, que cada vez ofrece menos posibilidades para a instalación de grandes empresas debido ao reducido tamaño das parcelas. Das 24 parcelas dispoñibles, só hai unha de 13.000 metros cadrados, e a maioría teñen entre 2.000 e 4.000 metros, tal como figura na páxina web de Xestur, na que, ademais, infórmase de que a bonificación dos prezos estará vixente ata o vindeiro 30 de novembro.

Outros acordos da XGL

  • Aprobación de facturas por importe de 121.439,50 euros
  • Concesión de subvencións a entidades deportivas
  • Gratificacións, vaos e licenzas urbanísticas
  • Solicitudes de subvención: á Secretaría Xeral de Igualdade para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero e á Dirección Xeral de Comercio e Consumo para un estudo para a mellora do mercado municipal de abastos

Compartir: