Inicio Carballo ao día Novas Entra en servizo na zona do Rego da Balsa o...

Entra en servizo na zona do Rego da Balsa o primeiro punto municipal de recarga de vehículos eléctricos na comarca

O alcalde e varios membros do goberno local asistiron hoxe a unha explicación técnica do funcionamento do servizo

Venres 6 de setembro do 2019

Os técnicos explicaron a políticos e prensa o funcionamento do punto de recarga

Os técnicos explicaron a políticos e prensa o funcionamento do punto de recarga

Ás diferentes medidas impulsadas dende o Concello de Carballo para fomentar unha mobilidade sostible vén de unirse nesta xornada un punto de recarga de vehículos eléctricos, o primeiro de titularidade municipal que entra en funcionamento na comarca e un dos primeiros da provincia. Malia a demora na conexión eléctrica por parte da compañía subministradora de enerxía, o punto de recarga está operativo dende hoxe mesmo para os/as usuarios/as de vehículos eléctricos que circulen polo noso concello.

Técnicos da empresa Ibil, especialista na xestión deste tipo de instalacións, e da concesionaria do servizo de alumeado público, Ferroser, que incluíu no seu contrato a colocación do punto de recarga, realizaron hoxe unha explicación do funcionamento do servizo ao alcalde, Evencio Ferrero; membros do goberno municipal e medios de comunicación locais.

Para activar o servizo pode utilizarse o teléfono móbil

Para activar o servizo pode utilizarse o teléfono móbil

O punto de recarga está situado na rúa Arcebispo Romero de Lema, na zona dos Baños Vellos. Ten capacidade para abastecer a dous vehículos a un tempo, en principio con carga normal, pero está preparado para acadar os 22Kw/hora se a demanda o require. Dispón de dous conectores estándar na Unión Europea para todo tipo de coches, o subministro é 100% de orixe renovable e o prezo, de 0,21 euros por Kw/hora + IVE. Para activar o servizo poden utilizarse dous sistemas, ou ben unha tarxeta da compañía Ibil válida para todo o territorio nacional ou ben a través da APP da empresa no teléfono móbil.

Dado que o punto de recarga está telexestionado será posible coñecer todos os datos sobre o seu uso: número de vehículos, tempo de carga, consumos... en función dos cales se procederá, se é preciso, ao incremento da potencia.

Compartir: