Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato das obras de...

Asinado o contrato das obras de reurbanización da rúa Concepción Arenal, que comezarán en breve

O proxecto inclúe a renovación de todos os servizos urbanísticos e a mellora da accesibilidade mediante plataforma única

Sábado 7 de setembro do 2019

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou coa empresa Construcciones Vázquez y Reino o contrato correspondente ás obras de reurbanización da rúa Concepción Arenal. O proxecto, no que investiremos 184.525 euros, permitirá mellorar os servizos urbanísticos e a accesibilidade, seguindo o modelo que estamos a estender por todos os barrios e que se materializa nestes momentos na contorna do Fórum Carballo e a rúa Barcelona.

A rúa Concepción Arenal, situada entre Vázquez de Parga e Valle Inclán, ten unha lonxitude de 80 metros e un ancho que oscila entre os 8,50 e 4,85 metros da zona máis estreita, na confluencia con Vázquez de Parga, onde carece de beirarrúa por mor dunha edificación e un peche de parcela existentes. Co obxectivo de mellorar a accesibilidade proponse unha actuación semellante á doutras rúas da contorna, de xeito que a rúa contará con zonas peonís de 2,5 metros de ancho con pavimento de granito e un carril de circulación de 3,50 metros, todo en plataforma única.

En canto aos servizos urbanísticos, melloraranse e completaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento e instalarase rede de augas pluviais, da que carece a rúa nestes momentos; tamén se colocará a canalización para o soterramento futuro da rede de enerxía eléctrica e completaranse as de telecomunicacións e gas. En canto á iluminación pública, a instalación será soterrada e as luminarias irán colocadas sobre báculos en vez de fixadas ás fachadas, como están agora.

O prazo de execución das obras, que comezarán en breve, é de 3 meses.



Galería

Compartir: