Inicio Carballo ao día Novas Volve o Mercadillo do Centro Comercial Aberto con...

DO 20 AO 22 DE SETEMBRO NO 2º ANDAR DO MERCADO MUNICIPAL

Volve o Mercadillo do Centro Comercial Aberto con 22 expositores e “prezos de escándalo”

Ademais do cambio de horario, nesta segunda edición introdúcese tamén como novidade a montaxe en directo dun escaparate o martes anterior

Venres 13 de setembro do 2019

A presentación realizouse no Mercado Municipal

A presentación realizouse no Mercado Municipal

22 establecementos carballeses participarán na segunda edición do Mercadillo organizado polo Centro Comercial Aberto (CCA) como remate simbólico da temporada de verán. O barco dos soños, Retoños, Modas Suárez, Menos 15, A fragua de Mo, A Fragua Kids, Adamela, Atelier, Alesi, Akira, Miriñaque, Poppy, Amar Moda, Bambalina, Dress, DV Carballo, Maker Store, Necos, Regalosyregalitos.com, Style, Sueño de Hadas e Zapatillería Isabel ofrecerán “prezos de escándalo, nalgúns casos pouco menos que simbólicos”, como anticipou a xerente do CCA, Mª Carmen Freire, na presentación da iniciativa.

Xunto a ela estiveron o presidente e outros membros da xunta directiva do CCA, varios dos comerciantes que participarán no Mercadillo e o alcalde, Evencio Ferrero, que felicitou ao CCA “porque sempre teñen iniciativa” e destacou o “intenso ritmo de actividades” que se vive en Carballo arredor da vida económica, da que o comercio é unha parte fundamental.

Nesta segunda edición haberá novidades. Unha delas é o cambio de horarios, xa que o Mercadillo estará aberto o venres 20 de 17.00 a 21.00 horas, o sábado 21 de 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00, e o domingo 22 de 10.00 a 15.00 horas. Os 22 stands ocuparán toda a planta alta do mercado, no que, ademais de gangas atoparemos actividades para nenos e nenas. E no exterior haberá un furgón con xogos educativos de robótica e informática.

Outra novidade será a montaxe dun escaparate no vestíbulo do Mercado Municipal. Farase, como explicou Germán Riveiro, membro da directiva do CCA, en directo o martes anterior ao mediodía para toda a xente interesada.

Compartir: