Inicio Carballo ao día Novas Presentado o novo sistema de xestión do...

Presentado o novo sistema de xestión do ciclo integral da auga, que garante a calidade do servizo e da atención ao usuario

A empresa concesionaria, Gestagua, vén de implantar un conxunto de aplicacións que sitúan a Carballo como líder na xestión tecnolóxica da auga

Venres 13 de setembro do 2019

Persoal de Gestagua e do Concello de Carballo, na ETAP do Carral

Persoal de Gestagua e do Concello de Carballo, na ETAP do Carral

A partir de agora será moito máis doado manter en perfectas condicións de funcionamento os centos de instalacións, redes e equipos que conforman o ciclo integral da auga no noso concello. Carballo convértese en líder en xestión tecnolóxica da auga grazas á implantación dun conxunto de aplicacións de tecnoloxías intelixentes, interconectadas entre si, que conforman un sistema orientado ao big data que asegura unha xestión transparente, fiable e eficiente das infraestruturas, ademais dunha excelente atención aos 13.995 usuarios/as do noso concello.

A nivel práctico isto tradúcese nunha serie de vantaxes á hora de xestionar os complexos sistemas de abastecemento e saneamento, cada vez máis estendidos polo territorio municipal, e de atender calquera incidencia no menor tempo posible, cando non anticiparse a ela. Un pequeno exemplo: grazas aos sistemas implantados é posible detectar un consumo excesivo derivado dunha fuga de auga e alertar ao cliente antes de que se dispare a súa factura.

Reunión de traballo nas oficinas de Gestagua

Reunión de traballo nas oficinas de Gestagua

De todo iso deuse conta hoxe nunha reunión de traballo na que participaron, en representación do Concello, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; a concelleira de Contratación e Planificación, Milagros Lantes, e o enxeñeiro municipal, José Facal, e, por parte de Gestagua, o director de operacións, Gonzalo Murillo; o director de comunicación, Julio Fernández; o responsable dos sistemas informáticos, Alberto Provencio; o delegado da empresa en Galicia, José Rey, e o xefe de servizo de Carballo, Benigno López.

No encontro fíxose balance das actuacións realizadas nestes primeiros anos de concesión e da situación actual do servizo, pero sobre todo expuxéronse as melloras que levan aparelladas as novas aplicacións tecnolóxicas.

  • Azul: Sistema de xestión de clientes onde se supervisa todo o ciclo comercial para ofrecer, cada día e en tempo real, un servizo excelente aos usuarios/as. O sistema coñece o conxunto de incidentes, que poden afectar ao servizo, tanto imprevistos como de mantemento, o que permite manter actualizada a información ó usuario. Os veciños e veciñas de Carballo poden rexistrarse en  https://carballo.gestagua.es/ para ter acceso a toda a información relativa á súa instalación e o seu contrato, ou tamén utilizar a APP para teléfonos móbiles
  • Hermes: Este sistema permite o coñecemento do estado das instalacións do servizo en tempo real. O control de proceso está permanentemente actualizado mediante a medición de parámetros de funcionamento, alarmas dos sistemas de tratamento, distribución e depuración de agua.
  • Gea: A xestión de instalacións e redes, así como o inventario dos equipos,  administrase a través do sistema denominado GEA, o que permite programar as accións de mantemento.
  • Neo: É o centro de recepción das actuacións detectadas e proxectadas polo resto de aplicacións, ordenadas de maneira que é o responsable da planificación que dispón dun listado intelixente que fai posible a coordinación dos traballos. Neo rexistra os traballos realizados e os recursos utilizados en tempo real, a través de tabletas deseñadas para o traballo en campo.
  • Aquael: Aplicación de xestión de recursos naturais, auga e enerxía, cuxo propósito é básico para lograr a eficiencia medioambiental da xestión.
  • Argos: Todos os indicadores das nosas actuación están permanentemente actualizados na aplicación denominada Argos, permitindo á empresa e ao Concello de Carballo seguir a evolución da xestión e a mellora continua do traballo.

Representantes do Concello e da empresa

Representantes do Concello e da empresa

Despois da exposición das novas aplicacións na sede de Gestagua, situada na rúa Río Ulla, nº 2, os representantes municipais e da empresa achegáronse ata a captación do río Bardoso, no Carral, onde se realizou a presentación do persoal, o parque móbil, a maquinaria e os equipos cos que conta a concesión.

Vídeos

Compartir: