Inicio Carballo ao día Novas O servizo municipal de control de pragas retirou...

O servizo municipal de control de pragas retirou en setembro 150 niños de avespa velutina

No que vai de ano xa se levan localizado e anulado máis de 500 niños

Xoves 3 de outubro do 2019

Persoal do servizo de control de pragas, preparándose para retirar un niño

Persoal do servizo de control de pragas, preparándose para retirar un niño

O servizo municipal de control de pragas retirou en setembro 150 niños de velutina, case un 70% máis que no mesmo mes do ano pasado. A estas alturas do ano levamos contabilizados un total de 503, e aínda que no inverno descende a actividade desta especie invasora, a experiencia dos anos anteriores indica que o mes de outubro é o de máis traballo de todo o ano para o servizo de loita contra a avespa asiática.

Ningunha parroquia se libra da invasión, aínda que no mes de setembro as máis afectadas foron Sofán, con 23 niños, e Bértoa e Rus, con 21 cada unha. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao servizo municipal de control de pragas. Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras, xa que o mes pasado temos constancia de que 5 persoas resultaron picadas. Por iso:

  1. Antes de empezar a traballar, realiza un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
  2. Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  3. No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Compartir: