Inicio Carballo ao día Novas Instalados novos portais de acceso ao CEIP...

Instalados novos portais de acceso ao CEIP Bergantiños para mellorar a seguridade e o confort do edificio

O alcalde e a concelleira de Educación achegáronse ata o centro para ver a actuación realizada, que forma parte do programa anual de investimentos do Concello

Xoves 10 de outubro do 2019

Ademais dos portais instalouse unha rampla de acceso

Ademais dos portais instalouse unha rampla de acceso

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse hoxe ata o CEIP Bergantiños para ver as obras de mellora que se están a realizar no centro, e que forman parte do programa anual de investimentos que leva a cabo o Concello de Carballo en función das peticións que se recollen a final de curso en todos os colexios e escolas unitarias.

A principal actuación, xa rematada, é a instalación de novos portais de acceso que melloran a seguridade, xa que están dotados dos mecanismos precisos para facilitar a evacuación no caso dunha emerxencia, e melloran o confort do edificio, tanto polo illamento térmico como pola entrada de luz natural que aportan grazas ás grandes cristaleiras colocadas. Tamén se mellorou a accesibilidade, substituíndo as escaleiras de acceso por unha rampla, e agora están pendentes a pintura e uns remates de aluminio.

A directora, a concelleira e o alcalde, no renovado hall

A directora, a concelleira e o alcalde, no renovado hall

Por parte da directora do centro, que acompañou aos representantes do Concello durante a visita, realizouse unha valoración moi positiva das obras realizadas, que supoñen un cambio moi importante nun colexio que celebra este curso o seu 40 aniversario.

O CEIP Bergantiños foi inaugurado no curso 1979-1980 como resposta á falta de prazas de educación infantil e primaria que existía no núcleo urbano. Este curso ten case 700 alumnos/as e dispón dun servizo de comedor _no que tamén se renovou o teito por parte da Consellería de Educación_ que utilizan 120 nenos e nenas.

Compartir: