Inicio Carballo ao día Novas O pedibús do CEIP Xesús San...

O pedibús do CEIP Xesús San Luís Romero botou a andar esta semana con 21 participantes

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, acompañou aos nenos e nenas durante os primeiros días

Mércores 16 de outubro do 2019

Alumnado e familias do pedibús, chegando ao cole

Alumnado e familias do pedibús, chegando ao cole

O pedibús do CEIP Xesús San Luís Romero botou a andar esta semana. Ese “autobús especial” sen rodas, nin fumes, nin problemas de aparcamento, fixo a súa primeira viaxe o luns con moitos pasaxeiros e pasaxeiras, xa que ademais dos 21 nenos e nenas que o utilizan a diario para ir e volver do cole, “viaxan” un grupo de nais, ás que se sumou tamén durante os primeiros días o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, que participou no deseño das rutas xunto coas familias e a Policía Local tratando de buscar a maior seguridade para os seus usuarios e usuarias.

As familias interesadas en participar no pedibús en calquera dos colexios urbanos poden dirixirse aos centros ou á Concellaría de Mobilidade

A posta en marcha deste novo camiño escolar, que conta inicialmente con dúas rutas, foi posible grazas á implicación das familias e do centro educativo, por unha banda, e ás medidas de mellora da accesibilidade implantadas polo Concello de Carballo na contorna do centro, pola outra. O próximo paso que daremos para seguir facilitando o tránsito peonil será un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas nos itinerarios máis utilizados polos nenos e nenas da Milagrosa para ir ao cole. A actuación forma parte do paquete de obras que se financiarán con cargo aos fondos adicionais do Plan Único da Deputación da Coruña, cuxa contratación comezará en breve.

O obxectivo último do camiño escolar é que os nenos e as nenas poidan ir andando sos ao colexio con total seguridade e dunha forma organizada, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil, contribuíndo a incrementar a autonomía infantil e axudando á conciliación e a establecer unha rede de apoio entre as familias participantes.

O San Luís Romero, no proxecto “DigiCraft no teu cole”

A posta en marcha do pedibús non é a única novidade no CEIP San Luís Romero neste inicio de curso. O colexio carballés é o único da Costa da Morte seleccionado para participar no proxecto “DigiCraft no teu cole”, promovido pola Fundación Vodafone España, en colaboración coa Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para reforzar as competencias dixitais do alumnado.

Cincuenta colexios galegos participan na experiencia, que vai dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e que terá dous anos de duración. Dúas profesoras do San Luís Romero participaron hoxe en Santiago na primeira sesión formativa para impartir o programa nas aulas, acceder aos materiais descargables e recoller as tabletas e kits tecnolóxicos que permitirán a docentes e alumnado desenvolver as actividades. O proxecto DigiCraft forma parte do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia “DigiTalent”, impulsado pola Amtega.

O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñado pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.

Compartir: