Inicio Carballo ao día Novas O I Encontro Médico de Bergantiños...

NA PRESENTACIÓN PARTICIPOU UNHA DAS FILLAS DE EDUARDO MARIÑO, QUE SERÁ HOMENAXEADO

O I Encontro Médico de Bergantiños nace como un evento aberto a toda a sociedade orgullosa de Carballo e a comarca

Os promotores da iniciativa, os médicos carballeses Juan Carlos Díaz del Valle e Alejandro Ávila; o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron o programa

Venres 8 de novembro do 2019

Juan Carlos Díaz, Luciano Vidán, Mónica Mariño, Evencio Ferrero e Álex Ávila

Juan Carlos Díaz, Luciano Vidán, Mónica Mariño, Evencio Ferrero e Álex Ávila

O sábado 16 celebrarase o I Encontro Médico de Bergantiños, pero o espírito do evento vai moito máis alá do ámbito profesional. De feito, os seus promotores, os médicos carballeses Juan Carlos Díaz del Valle e Alejandro Ávila Álvarez, concibírono como un acto aberto a toda a sociedade orgullosa de Carballo e a comarca e disposta a poñer en valor o noso gran potencial humano.

De feito, Juan Carlos Díaz del Valle explicou que a orixe do evento foi o comentario dun compañeiro nunha cea: “Dixo que non entendía como podíamos vivir en Carballo. Iso a min doeume, e falamos entre Álex e máis eu facer un evento científico en Carballo. Foron todo facilidades. Carballo ten moitos recursos, pero o mellor que ten son as súas xentes, e por iso queremos que toda a sociedade de Bergantiños participe”.

Alejandro Ávila engadiu que o I Encontro Médico de Bergantiños nace con varios obxectivos. “Por un lado, un obxectivo máis científico, de compartir coñecemento; logo un obxectivo social, de poñernos cara, e o terceiro, que quizais é o máis importante, é que ás veces en Carballo fainos falta sacar peito de carballesía. Eu sei que este concello traballa niso, aí detrás temos o cartel de Eu amo Carballo. Eu tamén amo Carballo, e, como todos os que amamos Carballo, temos que sacar as cousas boas que temos, que temos moitas”.

Á hora de darlle forma á súa idea, os dous doutores carballeses contaron con toda a colaboración do Colexio de Médicos da Coruña e do Concello de Carballo, representados na presentación por Luciano Vidán e Evencio Ferrero, respectivamente. O presidente do Colexio lembrou que foi precisamente en Carballo onde iniciou a súa carreira como médico, lembrou a dous grandes amigos, José Manuel Lado e Antonio Gómez Pan, e definiu o I Encontro Médico de Bergantiños coma unha homenaxe aos médicos que traballaron na comarca ao longo de moitos anos. “Para nós é un motivo de ledicia, porque os médicos rurais son heroes de verdade, que en condicións de gran dificultade e de escaseza tecnolóxica foron quen de suplir todo iso coa súa profesionalidade, coa súa bondade, coa súa ética, coa súa deontoloxía”.

Un deses médicos foi Eduardo Mariño Iglesias. O día 16 será un dos grandes protagonistas, xa que recibirá a homenaxe póstuma dos seus compañeiros e compañeiras. A súa filla Mónica participou na presentación e non tivo máis que palabras de agradecemento por unha homenaxe que a familia levaba tempo esperando e que, asegurou, non só se lle dedica ao seu pai senón tamén á súa nai.

O alcalde de Carballo pechou o acto tamén con palabras de agradecemento polo feito de que “se pensara en facer algo para seguir reflexionando sobre Carballo, o que cada un pode facer polo sitio onde naceu, onde decidimos vivir, e que en calquera esfera social poidamos sentirnos orgullosos de facer algo polo noso pobo”. Evencio Ferrero reiterou e agradeceu ese compromiso con Carballo e reiterou o convite á sociedade local a sumarse a ese mesmo obxectivo.

Programa

Compartir: