Inicio Carballo ao día Hemeroteca Únete ao voluntariado marrón e...

INFÓRMATE!

Únete ao voluntariado marrón e participa no novo programa de compostaxe de residuos domésticos

Presentado no Fórum Carballo o proxecto “Ti tes a chave”, que está aberto á participación de toda a cidadanía

Mércores 13 de novembro do 2019 Carballo ao día

A presentación tivo lugar no auditorio do Fórum

A presentación tivo lugar no auditorio do Fórum

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, presentaron no auditorio do Fórum o novo programa de recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos “Ti tes a chave”. Despois desta primeira sesión informativa, que se complementará cunha campaña divulgativa, as persoas interesadas en participar xa poden sumarse ao voluntariado marrón e apostar pola compostaxe dos biorresiduos domésticos.

Lembra que máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia tanto de reducir a produción destes residuos como de incrementar a súa separación e tratamento axeitados. A fabricación de compost comporta un triplo beneficio, xa que contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego, e ademais reduce os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.

O novo programa herda o nove e a filosofía da experiencia piloto “Ti tes a chave” que se desenvolveu no barrio da Milagrosa con moito éxito. Agora a participación ábrese a todo o núcleo urbano.

Manuel Pan, Evencio Ferrero e Luis Lamas

Manuel Pan, Evencio Ferrero e Luis Lamas

Se estás disposto/a a comprometerte recibirás un “kit” que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables, un tríptico informativo e unha chave para abrir o contedor da túa rúa. Para que teñas todas as facilidades para sumarte ao voluntariado marrón habilitaremos un posto no Mercado de Abastos que estará aberto de luns a venres de 19.00 a 21.00 horas e os sábados de 11.30 a 13.30. De luns a venres polas mañás, de 10.00 a 14.00 horas, poderás achegarte ao local de Carballo Limpo situado nas galerías do “edificio Chinto”.

A campaña dirixida a familias complementarase con outra para os grandes produtores: bares, restaurantes, froitarías, peixarías... Neste caso realizaremos visitas porta a porta para establecer as condicións de participación máis axeitadas a cada establecemento.

Compartir: