Inicio Carballo ao día Hemeroteca O plan especial de Arnados inclúe un paseo...

O plan especial de Arnados inclúe un paseo marítimo, novas áreas de aparcamento, solo para equipamentos e máis zonas verdes

A proposta inicial establece unha ampla área de rexeneración e unha nova organización viaria tanto para o tráfico rodado coma para usos peonil e ciclista

Venres 13 de decembro do 2019 Carballo ao día

Decenas de veciños e veciñas asistiron á presentación de hoxe á tarde

Decenas de veciños e veciñas asistiron á presentación de hoxe á tarde

O equipo redactor do Plan especial de protección, infraestruturas e dotación en Arnados-Razo presentou esta mañá a súa proposta aos grupos municipais. O documento está listo, pendente só dos informes dos departamentos autonómico e estatal de Costas para que poida ser sometido ao trámite de aprobación inicial o antes posible. Pero ademais do que determinen os organismos competentes, que no caso de Arnados son moitos polo seu valor natural, tamén ten moito que dicir a cidadanía. Por iso, tras un proceso de elaboración sempre aberto á participación veciñal, hoxe tamén tivo lugar no CEIP Nétoma-Razo unha concorrida exposición pública, e despois da aprobación inicial aínda haberá dous meses para presentar alegacións.

O plan especial ordena unha superficie de 312.811 metros cadrados de solo rústico

O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. E que se pretende facer nese ámbito? Pois, fundamentalmente, planificar o seu futuro _tendo en conta a multitude de normativas de rango superior que limitan esa planificación_ de maneira que sexa posible mellorar a súa conservación, protexer as zonas máis sensibles, e prever as dotacións, infraestruturas e servizos necesarios para favorecer o desenvolvemento turístico sostible dese amplo ámbito.

O 38,24% da superficie constitúe unha área de rexeneración, na que case 100.000 metros manterán os usos actuais

A proposta que se presenta hoxe inclúe unha ampla área de rexeneración, que abrangue o 38,24% do terreo, e dentro da cal establécense tres niveis de actuación. Por unha banda, na zona de dunas e cantís, que supón 15.205 metros cadrados, trátase de recuperar esa riqueza natural. A actuación na zona de cantís xa inclúe o proxecto que a Demarcación de Costas está tramitando para a súa execución coa finalidade de consolidalos. Nunha segunda área de 8.311 metros cadrados que está totalmente degradada será preciso acometer a “renaturalización”, mesmo eliminando unha construción existente. E na terceira dese ámbito de rexeneración, que é a máis ampla, con 98.278 metros cadrados, a proposta é o mantemento dos usos actuais.

No plan tamén se prevé a construción dun paseo ao longo da praia, redifinindo esa primeira liña e retrasándoa para non seguir exercendo presión sobre os cantís e para recuperar e crear espazos públicos para a veciñanza.

O equipo redactor presentou o documento pola mañá aos grupos políticos

O equipo redactor presentou o documento pola mañá aos grupos políticos

Para zonas verdes e equipamentos resérvanse máis de 30.000 metros cadrados. Entre eses equipamentos resérvanse dúas grandes bolsas de solo xunto á estrada de Razo da Costa para a creación dunha zona deportiva, se fose precisa, e outra na que tería cabida algún tipo de construción relacionada cos usos de praia. Hai outras dúas zonas de equipamento máis pequenas, unha de carácter privado que se corresponde coa escola de surf situada xunto ao campo de fútbol, e outra que coincide co edificio do antigo bar Praia, que trataría de recuperarse para uso público.

Ao longo do borde costeiro limitarase o tráfico rodado ás persoas residentes, polo que tampouco haberá aparcamentos. As prazas que se perden neste ámbito gañaranse creando dúas grandes bolsas de estacionamento xunto ao solo de equipamentos, e ademais prevese amplialas na época de máis demanda mediante acordos con propietarios do solo rústico situado ao carón.

O plan ordena tamén a rede viaria, establecendo zonas de acceso rodado, peonil e ciclista; ademais de novas áreas de aparcamentos

O plan tamén ordena a rede viaria, establecendo vías de acceso rodado, peonil e ciclista, ademais de varias sendas, ao longo e ao ancho de todo o ámbito. Ademais dos aspectos urbanísticos, o documento establece as medidas precisas para promover a utilización de medios de transporte sustentables, fundamentalmente a bicicleta, e tamén o transporte colectivo. Dentro dese plan de mobilidade encadraríanse as zonas de aparcamento, a continuidade das beirarrúas fóra do ámbito e o fomento do transporte público de viaxeiros.

O 30% dos terreos quedan como solo rústico cos usos turísticos permitidos no POL

O 30% dos terreos, que supón case 100.000 metros cadrados, quedan como solo rústico cos usos permitidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL), como infraestruturas, campamentos de turismo, muros e peches, instalacións de praia ou para deportes náuticos e talasoterapia, por exemplo, que poderían ser promovidos por iniciativa privada. Aínda que o POL os permite, o equipo redactor considerou convinte excluír outros usos que non resultan axeitados para ese ámbito, como instalacións agrícolas, gandeiras ou forestais, cemiterios, minas, estaleiros ou plantas acuícolas. Neste solo rústico situaríanse os aparcamentos estacionais mediante acordos entre a propiedade das parcelas e o Concello.

O equipo redactor estima un prazo aproximado de 12 anos para que o plan se converta en realidade, e divide as actuacións previstas en catro fases. A primeira incluiría a construción do paseo marítimo e, dado que desaparecerían os aparcamentos situados agora nese ámbito, tamén se acometería a creación das dúas grandes bolsas de estacionamento previstas, con capacidade para máis de 400 vehículos. Para as outras tres fases non se establece unha orde, e o procedemento utilizado para a consecución dos terreos será, maioritariamente, a expropiación.



Galería

Compartir: