Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal de Carballo aplaude que a...

O goberno municipal de Carballo aplaude que a Xunta asuma, por fin, a necesidade de iniciar a circunvalación en Bértoa

A conselleira Ethel Vázquez presentou o proxecto nunha xuntanza con empresarios do polígono á que tamén foi convidado o PP carballés

Luns 23 de decembro do 2019 Carballo ao día

A circunvalación enlazará a AC-552 coa AC-413

A circunvalación enlazará a AC-552 coa AC-413

O goberno municipal de Carballo aplaude que finalmente a Xunta de Galicia asumise a demanda do Concello e do empresariado e decidise iniciar a obra da circunvalación de Carballo no polígono industrial de Bértoa. Aquí, precisamente, estivo este venres a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para presentarlles o proxecto aos empresarios, nun acto ao que tamén foi convidado o PP local.

A conselleira reiterou o compromiso da Xunta de licitar o ano que vén a redacción do proxecto, que suporá un investimento duns 28 millóns de euros e que se executará en dúas fases. A primeira enlazará as vías autonómicas AC-552 e AC-413, e estará lista, segundo as previsións da conselleira, no ano 2022.

Finalmente, polo tanto, a obra comezará polo parque empresarial carballés, como se viña demandando dende o Concello e dende diferentes foros empresariais, dado o gran volume de tráfico pesado que xera o polígono e que na actualidade vese obrigado a atravesar a zona urbana por diante de tres centros educativos e un complexo deportivo, coa perigosidade que iso supón.

Nunha xuntanza celebrada en agosto, o alcalde, Evencio Ferrero, pedíralle á conselleira que á hora de decidir cal das dúas fases acometer primeiro se utilizasen criterios técnicos e de mobilidade, como finalmente parece que será. Evencio Ferrero, que non foi convidado á xuntanza co empresariado, recibiu unha chamada de teléfono de Ethel Vázquez para darlle a coñecer a decisión, que responde, como non podía ser doutro xeito, a unha necesidade evidente e a unha demanda xeralizada da sociedade carballesa.

Compartir: