Inicio Carballo ao día Novas O plan director para a mellora do espazo...

O plan director para a mellora do espazo público e a mobilidade na zona dos Baños Vellos ábrese á participación veciñal

Convocada para o martes 14 de xaneiro, ás 19.00 horas, unha xuntanza aberta na que se recollerán todas as achegas de cara á mellora desa emblemática área urbana

Mércores 8 de xaneiro do 2020

A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana está a traballar nun Plan director para a mellora do espazo público urbano e da mobilidade na zona dos Baños Vellos coa intención de dar resposta, dende o punto de vista do urbanismo e da accesibilidade, ás especiais características do amplo e emblemático ámbito urbano comprendido entre as rúas Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Ponte, Camiño Novo, Vázquez de Parga e Perú.

Despois dos traballos de campo e das enquisas realizadas no comercio, chega o momento de abrir o proxecto á participación veciñal. Con esa intención, para o vindeiro martes 14 de xaneiro, ás 19.00 horas, está convocada na Biblioteca Rego da Balsa unha xuntanza aberta na que se ofrecerá información sobre o proxecto, debateranse os problemas que afectan á zona e abordaranse as posibilidades de mellora que ten este ámbito de cara ao futuro.

Os traballos de campo centráronse na medición dos fluxos de vehículos, persoas e bicicletas ao longo do día, así como da ocupación das zonas de aparcamento situadas na contorna, ademais de intentar detectar os problemas de mobilidade que afectan a ese ámbito concreto. Tamén se realizou un censo de locais, xunto cunha enquisa ao empresariado da zona na que se rexistrou un índice de participación moi elevado. Ese traballo previo complementarase agora coa participación veciñal para elaborar un plan, o máis consensuado posible, que permita establecer actuacións concretas relacionadas coa accesibilidade, a calidade ambiental, os servizos urbanos, a ordenación do tráfico, o estacionamento, e o aforro enerxético.

Compartir: