Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras de reurbanización da...

Adxudicadas as obras de reurbanización da rúa Bos Aires, na que realizaremos un investimento de 280.775,27 euros

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou o servizo de limpeza de praias para os vindeiros catro anos cun orzamento anual de 88.938,45 euros

Luns 27 de xaneiro do 2020

Estado actual da rúa Bos Aires

Estado actual da rúa Bos Aires

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa xuntanza de hoxe as obras de reurbanización da rúa Bos Aires á empresa local Vázquez y Reino cun orzamento de 280.775,27 euros e un prazo de execución de catro meses.

O obxectivo da actuación é a mellora integral dunha rúa que na actualidade conta con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís prevé a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, aos que se sumarán os de cable e gas.

Recreación do acabado final da rúa Bos Aires

Recreación do acabado final da rúa Bos Aires

En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires está proxectada en plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica. A actuación complementarase coa plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e, como elemento diferenciador, a incorporación de xogos infantís que formarán parte da propia rúa.

Outros acordos

Na xuntanza de hoxe tamén foron adxudicadas á mesma empresa, por un importe de 78.892 euros, as obras de acondicionamento de pistas forestais nas parroquias de Rus e Sofán. O prazo de execución será de tres meses.

En materia de contratación tamén foi adxudicado a Acciona Servicios Urbanos o servizo de limpeza de praias para os vindeiros catro anos, con posibilidade de un máis de prórroga, e cun custo anual de 88.938,45 euros.

Licenzas urbanísticas, devolución de avais e gratificacións, entre outros acordos, completaron a Xunta de Goberno Local.

Compartir: