Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero xestiona cos entes...

Evencio Ferrero xestiona cos entes autonómicos competentes as autorizacións para o proxecto “Cicl-Ando Carballo”

O alcalde reuniuse hoxe en Santiago con responsables da Axencia Galega de Infraestruturas e de Augas de Galicia

Venres 31 de xaneiro do 2020

O proxecto inclúe 18 Km de sendas peonís e ciclistas

O proxecto inclúe 18 Km de sendas peonís e ciclistas

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado por técnicos municipais, mantivo hoxe reunións na Axencia Galega de Infraestruturas e en Augas de Galicia para xestionar a axilización das autorizacións pertinentes para o proxecto Cicl-Ando Carballo, xa que nos case 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas que imos construír hai treitos que afectan a estradas de titularidade autonómica ou a canles fluviais.

O Concello de Carballo vén de conseguir 1,7 millóns de euros de fondos europeos para a execución dun proxecto que mellorará a mobilidade cunha funcionalidade de lecer, turística e laboral, ademais de reducir a nosa pegada de carbono grazas a unha redución do consumo enerxético do 15,52%, e de fomentar a mobilidade sustentable entre a veciñanza. Ademais dos 18 quilómetros de sendas, Cicl-Ando Carballo inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas en 10 enclaves diferentes e unha campaña de sensibilización social.

O investimento total acadará os 2.141.618,86 euros. O Concello de Carballo conseguiu o 80% de subvención, o máximo posible, e pretende axilizar todo o posible a posta en marcha dun proxecto singular que vén reforzar o intenso traballo que levamos facendo nos últimos anos para mellorar a accesibilidade e a mobilidade, fomentar medios de transporte máis sostibles e seguir humanizando o espazo urbano pensando en todos os sectores da poboación.

Abastecemento a Baldaio e urbanización da avenida de Fisterra

Evencio Ferrero aproveitou as reunións para poñer sobre a mesa outras necesidades do noso concello. En Augas de Galicia interesouse polo estado do proxecto de abastecemento a Baldaio, que o ente autónomo se comprometeu a elaborar noutra xuntanza celebrada o verán pasado. Neste sentido, en Augas informaron de que vén de ser contratada a redacción do estudo de viabilidade que permitirá optar ou ben por darlle continuidade á rede municipal dende Lema ou ben dende a captación do Rapadoiro.

Na AXI, o alcalde de Carballo solicitou a urbanización da avenida de Fisterra, tal como acordou o pleno da corporación no mes de novembro: «Instar á Xunta a asinar un convenio de colaboración co Concello para acometer a reurbanización integral da AC-552 ao seu paso polo núcleo urbano de Carballo. Unha vez rematadas, o Concello comprométese a asumir a titularidade dos treitos da travesía que se leven a cabo as actuacións de reurbanización». Dende a Axencia Galega de Infraestruturas piden ao Concello a elaboración dunha memoria valorada.

Compartir: