Inicio Carballo ao día Novas O novo sistema de desbaste evitará que...

O novo sistema de desbaste evitará que cada día entren na EDAR 1.000 quilos de toalliñas e outros produtos de hixiene

O Concello de Carballo vén de realizar un investimento de case medio millón de euros na instalación, que está a funcionar en período de probas

Luns 17 de febreiro do 2020

Evencio Ferrero e Luis Lamas quixeron coñecer o funcionamento do sistema

Evencio Ferrero e Luis Lamas quixeron coñecer o funcionamento do sistema

Aínda que no paquete diga que se poden tirar polo váter porque son biodegradables, o certo é que dende que as toalliñas húmidas chegan á EDAR ata que empezan a degradarse poden pasar máis de 48 horas. As fibras que as compoñen poden chegar a formar grandes madeixas que atascan colectores, bombas, válvulas e demais equipos dos sistemas de sumidoiros e depuración.

A proliferación deste tipo de residuos obrigou ao Concello de Carballo a instalar un sistema de desbaste na EDAR da Cepeira. Os equipos, que están funcionando en período de probas, consisten nunhas reixas de cribado nas canles de entrada de auga para reter os restos máis grosos (na súa maioría toalliñas) e evitar que pasen á seguinte fase do proceso de depuración, previndo deste xeito os continuos atascos e avarías que se viñan producindo nos equipos de bombeo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata a instalación acompañados polo enxeñeiro municipal, José Facal, para coñecer en detalle o funcionamento do novo sistema.

Residuos de desbaste

Residuos de desbaste

Cada día, os traballadores da planta da Cepeira retiran entre 1.000 e 1.2000 quilos de residuos de desbaste, a maior parte toalliñas húmidas, pero tamén compresas, cueiros, envoltorios de produtos de baño, profilácticos... En calquera caso, residuos que nunca deberían tirarse polo váter.

O sistema de desbaste foi unha das actuacións máis importantes financiadas con cargo ao canon da auga, cun investimento próximo ao medio millón de euros. Ademais de solucionar un importante problema e de facilitar o mantemento da EDAR, o Concello aproveitou para instalar un sistema adicional de alarma no caso de desbordamento.

Un problema ambiental e económico

O problema das toalliñas é, polo tanto, ambiental e económico. Dende o punto de vista ambiental, porque non se desfán coa auga, como o papel hixiénico clásico, senón que van enteiras polas redes de saneamento e chegan intactas á EDAR. Xusto ao lado hai instalados varios contedores nos que se van baleirando as toalliñas que quedan atrapadas nas reixas do sistema de desbaste. Pero o problema non remata na EDAR, senón que unha vez compactadas son enviadas á planta de tratamento de residuos, na que seguirán deixando a súa pegada ecolóxica.

Dende o Concello de Carballo facemos unha chamada á conciencia cidadá sobre os problemas que ocasionan este tipo de produtos, cuxo uso está cada vez máis estendido e que, polo tanto, chegan en maiores cantidades á depuradora.

Compartir: