Inicio Carballo ao día Novas Néstor Rego presentará unha...

VISITA INSTITUCIONAL DO DEPUTADO DO BNG A CARBALLO

Néstor Rego presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados demandando unha solución á situación de Baldaio

Tamén negociará a inclusión nos próximos Orzamentos Xerais do Estado dun proxecto para completar as redes de auga e saneamento en todo o val de Baldaio

Luns 17 de febreiro do 2020

Xuntanza cos mariscadores ao pé da ría

Xuntanza cos mariscadores ao pé da ría

O deputado no Congreso Néstor Rego realizou hoxe unha visita institucional ao noso concello. O representante do BNG foi recibido polo alcalde e mantivo unha xuntanza de traballo co grupo de goberno para “falar da realidade presente do noso concello e tamén de necesidades de axuda e colaboración por parte doutras Administracións”, segundo comentou Evencio Ferrero. A continuación achegáronse ata o Mercado Municipal e a Biblioteca Rego da Balsa, que foron financiados no seu día con cargo aos orzamentos estatais, e remataron en Baldaio cunha xuntanza cos mariscadores, moi preocupados pola supervivencia do seu medio de vida, e unha visita ao cámping e as vivendas afectadas polo peche da canle que comunicaba a lagoa co mar, que están cercados pola auga.

Xosé Regueira, Néstor Rego e Evencio Ferrero

Xosé Regueira, Néstor Rego e Evencio Ferrero

Néstor Rego expresou o seu compromiso de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados, “e facer as xestións paralelamente necesarias, para ver tamén que previsións ou actuacións pode desenvolver Demarcación de Costas para ver de solucionar esta situación. Sabemos que é unha actuación que pode ser complexa porque é unha zona delicada de protección ambiental e nese sentido hai que actuar con prudencia, e sabemos que pode haber distintos criterios entre Demarcación de Costas e Conservación da Natureza, pero o que nos parece lóxico é que as Administracións falen entre elas e se poñan de acordo, porque o normal é que se hai un problema traten de resolvelo”.

O alcalde quixo lembrar que “o Estado, en todo o territorio da Costa da Morte, agás agora o parador de Muxía, non ten ningún outro edificio de titularidade estatal, nin un só metro de ferrocarril, nin de vía pública, e simplemente a Demarcación de Costas do Estado ten titularidade da zona de costa. E ademais _engadiu_ estamos nun momento no que se dá unha circunstancia absolutamente singular, malia que dende o Concello xa o levamos advertindo dende finais de outubro o que ía acontecer e finalmente aconteceu, que é que se está colmatando a lagoa e, como se pode apreciar, non hai fluxo mareal, como acontecía nas últimas décadas, entre a entrada e a saída da auga do interior da lagoa”.

Abastecemento e saneamento no val de Baldaio

Visita ao cámping

Visita ao cámping

O goberno municipal aproveitou a visita de Néstor Rego para darlle a coñecer proxectos en marcha e pendentes na zona de Baldaio, entre eles o plan especial de Pedra do Sal, que será sometido en breve a aprobación inicial, ou a necesidade de completar as redes de abastecemento de auga e saneamento. “Nese sentido _anunciou o deputado no Congreso_ o compromiso do BNG é que nos próximos orzamentos do Estado pelexaremos todo o que faga falla para que se faga esta actuación, importante especialmente nunha zona da calidade ambiental que ten este val. Cremos que é unha actuación que pode encaixar perfectamente nos Orzamentos Xerais do Estado, e á hora de negociar eses orzamentos do Goberno faremos forza para que sexa atendida”.

Evencio Ferrero expresou o agradecemento do Concello de Carballo ao deputado no Congreso por ser “tan sensible e tan receptivo ás demandas que lle trasladamos”. Néstor Rego, pola súa banda, cualificou como “un pracer estar en Carballo, ser magnificamente recibido polo alcalde e o goberno municipal, e comprobar como a acción do goberno municipal do BNG conseguiu unha transformación radical de Carballo, facendo dela unha vila agradábel, unha vila mellor”.

Compartir: