Inicio Carballo ao día Novas A Praza do Concello acollerá este domingo...

A Praza do Concello acollerá este domingo a primeira feira dende a declaración do estado de alarma

Carballo inicia a recuperación das súas feiras e mercados tradicionais coas medidas de hixiene e seguridade precisas para evitar a propagación do coronavirus

Venres 8 de maio do 2020

Unha vez solventadas as diferencias de criterio entre as Administracións central e autonómica, este domingo poderá celebrarse a feira de Carballo, sempre coas debidas condicións de seguridade por parte de vendedores e compradores. A celebración das feiras e mercados realizarase con novas normas, adaptadas á situación de crise sanitaria que estamos a vivir. Deste xeito, por parte da Oficina Técnica Municipal establecéronse corredores e unha nova distribución dos postos para garantir o cumprimento das distancias de seguridade. Neste sentido prégase a colaboración de todas e todos para que se tomen as medidas precisas para poder evitar contaxios.

Toma nota das medidas preventivas!

  • Haberá menos postos e redistribuiranse en toda a Praza do Concello, como se pode ver na imaxe, para garantir as distancias establecidas pola Xunta de Galicia, de 6 ou 4 metros segundo a distribución dos feirantes.
  • Por parte do Concello de Carballo controlarase o acceso para evitar aglomeracións.
  • Os vendedores deben acudir coas súas propias mascarilla e luvas. Prégase ademais que fagan unha xestión correcta dos residuos que xeren.
  • Os compradores deberán adoptar tamén as medidas de seguridade e hixiene necesarias, gardando a distancia de seguridade de 2 metros ou usando mascarillas.
  • Só poderán venderse produtos de alimentación, plantas e flores. Prégase non tocar os produtos por parte do público.

O Mercado Municipal continúa aberto ao público co horario establecido dende o inicio do estado de alarma, de 08:00 a 15:00, e tamén coas condicións de hixiene e seguridade que se veñen aplicando dende o primeiro momento. Así mesmo, lembramos que durante o tempo que se manteña o estado de alarma seguirá suspendida a limitación do aparcamento na zona azul.

Compartir: