Inicio Carballo ao día Novas Ademais da exención do pago das taxas, o...

Ademais da exención do pago das taxas, o Concello ofrece apoio técnico para a redistribución das terrazas de hostalaría

Os establecementos poderán colocar todas as mesas que teñan autorizadas, pero cunha distribución que garanta o cumprimento das distancias de seguridade

Xoves 14 de maio do 2020

Foto de arquivo de terrazas na rúa Colón

Foto de arquivo de terrazas na rúa Colón

Os servizos municipais están a disposición da hostalaría local para reordenar as terrazas, polas que este ano non se cobrará taxa, segundo as normas establecidas na fase 1 do “Plan de transición cara unha nova normalidade”, tratando de solucionar deste xeito as dúbidas expresadas por empresarios do sector. 

O Concello de Carballo ofrece o seu apoio á hostalaría para que poida retomar a súa actividade, como xa está a facer o comercio, con medidas como a exención do pago da taxa durante todo o ano 2020 ou o asesoramento técnico para a reordenación das terrazas. Neste sentido, o goberno local aclara que os establecementos poderán colocar a totalidade das mesas que tivesen autorizadas, pero cunha distribución que garanta o cumprimento das distancias de seguridade. Así, os técnicos municipais indicarán, sempre que se precise, que parte do espazo público pode ocuparse.

Normativa

Ante as dúbidas que están chegando ao Concello, lembramos que, segundo establece a ordenanza municipal que regula a ocupación do dominio público local con terrazas de hostalería, as autorizacións de carácter anual enténdense por tempo indefinido, renovándose automaticamente o día 1 de xaneiro do exercicio seguinte, salvo renuncia expresa do interesado. En todo caso, a póliza de responsabilidade civil que inclúa a instalación deberá manterse en tanto dure a ocupación. 

No caso de que se trate dunha modificación da autorización concedida ou dunha nova autorización deberá presentar a solicitude correspondente (acompañará croquis da distribución prevista e copia da póliza de responsabilidade civil que inclúa a instalación).

Compartir: