Inicio Carballo ao día Novas Comeza a recarga das tarxetas do Concello de...

Comeza a recarga das tarxetas do Concello de Carballo para escolares co comedor subvencionado ao 100%

Xoves 21 de maio do 2020

As tarxetas foron repartidas a domicilio por Protección Civil

As tarxetas foron repartidas a domicilio por Protección Civil

A partir de hoxe realizarase a recarga das tarxetas expedidas o mes pasado polo Concello de Carballo para axudar na compra de alimentos ás familias que teñen o servizo de comedor escolar subvencionado ao 100% para os seus fillos e fillas. En total son case 400 nenos e nenas. 

As normas de uso das tarxetas son as seguintes:

  • As tarxetas non se renovan, senón que se recargan as que se repartiron o mes pasado. Son tarxetas pre-pago, asociadas a un DNI, polo que se carga automaticamente o importe correspondente a ese DNI.
  • Os importes de cada tarxeta son os máximos permitidos en cumprimento da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que a Xunta de Galicia establece as bases das axudas para familias de alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar. No caso dos nenos/as usuarios/as de escolas infantís públicas, o importe é de 3 euros por día lectivo e neno/a; mentres que para o alumnado dos CEIP establécense 2 euros por día lectivo e neno/a.
  • As tarxetas poden utilizarse nos dous supermercados Familia de Carballo.
  • Aínda que non é preciso consumir todo o saldo nunha soa compra, senón se que vai descontando segundo se vaia gastando, lembrámosvos que durante o estado de alarma recoméndase facer compras grandes para que haxa que saír da casa o mínimo imprescindible.
  • No caso de que se supere o saldo da tarxeta, a persoa usuaria poderá pagar a diferenza en efectivo.
  • Aínda que o saldo se esgote debedes conservar a tarxeta, xa que, de ser preciso, recargaríase de forma automática no futuro.
  • Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar pedímosvos que fagades un uso responsable das tarxetas, adquirindo produtos de primeira necesidade e produtos frescos que contribúan a potenciar unha dieta equilibrada e saudable.

Compartir: