Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Praias pon a punto os...

A Concellaría de Praias pon a punto os areais de cara ao inicio da temporada a mediados de xuño

Esta semana arrincaron os traballos de acondicionamento das zonas verdes e o proceso de selección de socorristas

Xoves 28 de maio do 2020

Vista da explanada de Razo, esta tarde

Vista da explanada de Razo, esta tarde

Nas concellarías de Praias, Obras e Servizos e Seguridade estamos a traballar coordinadamente para que poidas desfrutar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade. Esta semana arrincaron os traballos de acondicionamento das zonas verdes e hoxe mesmo publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases para a selección de 30 socorristas co obxectivo de iniciar a temporada oficial a mediados de xuño.

Mentres tanto, e como sabemos que queres aproveitar estes días de sol e calor para desfrutar da praia, lembrámosche que o baño está desaconsellado porque aínda non está operativo o servizo de salvamento e socorrismo nin comezaron os controis sanitarios das augas, e que debes respectar as distancias de seguridade e as medidas de protección fronte á COVID-19. Estas mensaxes poderás escoitalas estes días pola megafonía das praias.

Baldaio, hoxe á tarde

Baldaio, hoxe á tarde

A crise sanitaria que aínda estamos a padecer obríganos a planificar a temporada en función das directrices que vaian establecendo as autoridades sanitarias para cada unha das fases do proceso de desescalada. Seguindo as instrucións publicadas este mércores no BOE, “para calcular o aforo máximo permitido por cada praia considerase a superficie a ocupar por cada bañista de aproximadamente catro metros cadrados”, o que no noso caso permitiría establecer un aforo máximo dunhas 20.000 persoas no conxunto do litoral.

Estamos nun momento “de transición”, como apunta o coordinador de Protección Civil, Javier Souto Facal, que insiste ademais na perigosidade das nosas praias e na necesidade, por tanto, de extremar as precaucións tamén á hora do baño. Este verán poderás desfrutar do noso litoral ao completo, xa que a clasificación sanitaria das augas de baño é boa en Arnados e excelente en Pedra do Sal, Razo, Ría de Baldaio e Saíñas.

Compartir: