Inicio Carballo ao día Novas O alcalde de Carballo e o presidente da...

O alcalde de Carballo e o presidente da Deputación asinaron un novo convenio para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas

A UCA, que presta servizo a todos os concellos da Costa da Morte, atendeu o ano pasado a 424 persoas e abriu 99 novas historias clínicas

Venres 19 de xuño do 2020

Valentín González e Evencio Ferrero, na sinatura do convenio

Valentín González e Evencio Ferrero, na sinatura do convenio

A Deputación da Coruña contribuirá este ano con 30.000 euros ao mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) de Carballo. Esta achega provincial articúlarase a través do convenio que hoxe asinaron, na sede da institución provincial, o presidente Valentín González Formoso e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

O presidente da Deputación subliñou que o convenio “contribúe a manter un centro que da servizo a 15 concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, e que o ano pasado axudou a 424 persoas” a abandonar os hábitos tóxicos. Pola súa banda, o alcalde de Carballo agradeceu a colaboración que desde hai moitos anos vén prestando a Deputación para o sostemento do centro.

Ademais de Carballo, a UCA dá servizo a Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría. No centro, situado no edificio do antigo ambulatorio, ofrécense servizos de tratamento e prevención de consumo de drogas e alcohol, adiccións, programa de incorporación social personalizada, actividades de investigación, docencia e coordinación con outros servizos sanitarios e sociais coma centros de saúde, centros penitenciarios ou servizo de psiquiatría do CHUAC.

No seu cadro de persoal, a Unidade de Condutas Adictivas conta con médico, enfermeira, psicóloga, traballadora social e persoal administrativo para prestar unha atención integral aos usuarios e usuarias, tanto no eido médico coma no psicolóxico e social.

Compartir: