Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas por case 400.000 euros as obras de...

Adxudicadas por case 400.000 euros as obras de aglomerado das vías O Xamozo-Santa María de Ardaña e Paradela-Prearada

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou na sesión deste luns o expediente de contratación do proxecto de reforma do pavillón do CEIP Fogar

Martes 7 de xullo do 2020

No Xamozo ensanchouse a vía no ano 2017, grazas á colaboración veciñal, para facilitar a circulación do transporte escolar (foto de arquivo)

No Xamozo ensanchouse a vía no ano 2017, grazas á colaboración veciñal, para facilitar a circulación do transporte escolar (foto de arquivo)

O Concello de Carballo investirá un total de 397.727 euros nas obras de aglomerado das estradas do Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña) e de Paradela a Prearada (Sofán). As dúas foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local á empresa Vázquez y Reino, que disporá de tres meses, a partir da sinatura da acta de comprobación do replantexamento, para executalas.

A vía de Xamozo a Santa María terá unha anchura media de 6 metros ao longo dos máis de tres quilómetros que unen as parroquias de Artes e Ardaña. A actuación inclúe a dotación de rede de augas pluviais nun treito de 70 metros de lonxitude, dez obras de drenaxe e o estendido dunha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor, ademais do recrecido das tapas dos pozos, arquetas e sumidoiros, e a sinalización horizontal e vertical.

Entre Paradela e Prearada realizarase unha actuación similar. As obras chegarán ata o límite co municipio da Laracha, e o ancho medio que se acadará con este proxecto será de 5,5 metros, o que supón unha ampliación de ata 1 metro nalgúns puntos. Nesta vía está prevista a instalación de rede de augas pluviais nun treito de 65 metros, ademais de realizar catro obras de drenaxe.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o inicio do expediente de contratación do proxecto de reforma do pavillón deportivo do CEIP Fogar, cun orzamento de 61.378,65 euros.

Subvencións e convenios

Na xuntanza deste luns deuse conta de varias subvencións concedidas pola Deputación da Coruña: 21.053,19 euros para a limpeza de praias, 20.000 euros para o mantemento do Conservatorio Profesional de Música e 13.486,50 para a contratación de persoal técnico de museos. Así mesmo, foi aprobado o convenio entre as Administracións local e provincial para o co-financiamento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA), que para este ano ten un orzamento de 274.413,95 euros. A Deputación achegará un máximo de 30.000 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o pago de facturas por importe de 43.092,93 euros, a devolución de avais, vaos e varias licenzas urbanísticas, unha delas para a instalación dunha torre anemométrica no Monte Neme.

Compartir: