Inicio Carballo ao día Novas O 20 de xullo arrinca en toda a zona urbana o...

O 20 de xullo arrinca en toda a zona urbana o proxecto “Ti tes a chave” para a recollida selectiva dos residuos orgánicos

Mañá xoves volveremos a instalar na rúa Coruña a carpa informativa

Mércores 8 de xullo do 2020

A crise sanitaria provocada pola COVID-19 obrigou a frear a posta en marcha de “Ti tes a chave”, un proxecto de recollida selectiva dos residuos orgánicos que naceu no barrio da Milagrosa e que agora estendemos por toda a zona urbana. A experiencia arrincará finalmente este día 20 coa instalación dos colectores nas rúas e tamén nos establecementos de grandes produtores adheridos á campaña.

O obxectivo é que 2.000 familias participen no programa, que é pioneiro en Galicia e que ten como finalidade acadar o obxectivo fixado pola Unión Europea de que no ano 2020 sexa reciclado o 50% dos residuos urbanos.

Se ti tamén queres contribuír só tes que achegarte a calquera dos puntos informativos e asinar o documento de adhesión. Poderás atopar ao persoal da campaña nestes lugares:

  • De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, no local de Carballo Limpo situado nas galerías do edificio da antiga Casa de Chinto (rúa Desiderio Varela, 34).
  • Os xoves e os domingos de feira (agás o 12, por coincidir coas eleccións), de 10.30 a 13.30 horas, no stand da rúa Coruña.

Cada familia participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores que se colocarán na vía pública para depositar os bio-residuos, que supoñen máis do 40% dos RSU que depositamos nos colectores verdes. Por iso é tan importante tanto reducir a produción de residuos como incrementar a súa separación e o seu tratamento axeitados.

A fabricación de compost ten moitas vantaxes. Estas son algunhas delas:

  • Contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2.
  • Garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego.
  • Reduce os custos dos servizos municipais de recollida do lixo, xa que o canon de Sogama por tratar esta fracción na planta de compostaxe é máis barato que o da bolsa negra.

Compartir: