Inicio Carballo ao día Novas A Policía Local reforzará o control...

A Policía Local reforzará o control sobre o cumprimento das medidas de prevención da COVID-19 nos locais de hostalaría

Empresarios do sector solicitaron a colaboración do Concello de Carballo

Martes 11 de agosto do 2020

A raíz dunha xuntanza celebrada hoxe entre representantes da asociación de hostalaría, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, a Policía Local de Carballo intensificará o control sobre o cumprimento das medidas de prevención contra a COVID-19 nos establecementos do sector.

Os/as empresarios/as puxeron sobre a mesa as dificultades coas que se atopan para garantir o cumprimento das normas incluídas na resolución da Xunta de Galicia do 17 de xullo, polo que contarán co apoio dos/as axentes para intentar mudar a situación.

Deste xeito, a Policía Local reforzará a vixilancia que xa viña realizando sobre o cumprimento da normativa, tanto na vía pública coma no interior dos locais. Neste sentido realizarase en primeiro lugar unha campaña informativa e de control tanto do uso da máscara coma da prohibición de consumir de pé nas terrazas, dos aforos ou dos horarios de peche, e nunha segunda fase procederase a tramitar as sancións correspondentes a cada infracción.

Dende o Concello de Carballo solicitamos a colaboración da veciñanza para mellorar o cumprimento das medidas de distanciamento social, uso de máscara e hixiene, coa finalidade de que actividades fundamentais para a nosa economía non se vexan afectadas pola COVID-19, especialmente cando se está a rexistrar un incremento tan importante dos contaxios na nosa área sanitaria.

Ligazóns

Compartir: