Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Igualdade abre o prazo...

AS SOLICITUDES DEBEN PRESENTARSE DO 13 AO 24 DE AGOSTO

A Concellaría de Igualdade abre o prazo para o Concilia, con prazas limitadas e normas adaptadas á situación sanitaria

O desenvolvemento da actividade estará ligado ao funcionamento dos centros educativos e á lexislación sanitaria vixente en cada momento

Mércores 12 de agosto do 2020

A Concellaría de Igualdade abre o prazo de solicitude de praza no programa Concilia, que ofrece ás familias a posibilidade de deixar aos nenos e nenas nos colexios participantes a partir das 07:00 horas, facilitando deste xeito a conciliación familiar e laboral. Este ano, debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, adaptamos as normas de funcionamento e limitamos as prazas. Ata agora atendíanse todas as solicitudes, pero, por razóns sanitarias, este curso haberá 100 prazas no CEIP Fogar (60 con almorzo e 40 sen el) e 55 no CEIP Bergantiños (35 con almorzo e 25 sen el), que se adxudicarán por puntuación segundo o baremo que pode consultarse ao final desta nova. Ademais, non existirá a opción de utilizar o servizo en días soltos.

O desenvolvemento do Concilia está ligado ao funcionamento dos centros educativos, o que significa que no caso dunha hipotética suspensión da actividade lectiva, como sucedeu o curso pasado, tamén deixaría de prestarse o servizo. De igual xeito, se as condicións sanitarias o permitisen, o número de prazas podería ampliarse ao longo do curso.

O programa tamén está suxeito á normativa sanitaria vixente en cada momento. Neste sentido, de cara ao inicio do curso estableceranse grupos de traballo estables de 15 persoas como máximo, intentando reducir o contacto entre os distintos grupos. Ademais das desinfeccións diarias das instalacións, faranse desinfeccións dos aseos despois de cada uso e do material empregado tras cada actividade. Será obrigatorio o uso de máscara e procurarase manter a distancia interpersoal de 1,5 metros nos accesos e zonas comúns.

Recomendamos ás familias que midan a temperatura antes de saír da casa e que non leven ao neno/a ao colexio se supera os 37,5 graos. Tamén se aconsella o lavado da roupa a 60 graos.

O prazo de matrícula estará aberto dende o 13 ata o 24 de agosto. A adxudicación provisional de prazas farase pública o día 28, e a listaxe definitiva publicarase o 4 de setembro. No caso de que queden prazas vacantes abrirase un novo prazo de solicitude a partir do 15 de setembro.

Ademais de abrir o prazo para o curso escolar, tamén ofrecemos ás familias a posibilidade de desfrutar do servizo dende o 1 de setembro, neste caso no centro de ocio Xolda. Debido a que hai un límite de 30 prazas, a adxudicación farase por orde de puntuación. O baremo, os impresos e toda a información complementaria pode descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: