Inicio Carballo ao día Novas A partir de mañá estará...

A partir de mañá estará dispoñible o Parque Canino do San Martiño, que abre con aforo limitado polas restricións da COVID-19

Consulta e respecta as normas de uso para garantir unha correcta convivencia entre os animais usuarios da instalación e os seus donos

Luns 14 de setembro do 2020

O parque canino está delimitado por un cerramento desmontable

O parque canino está delimitado por un cerramento desmontable

Mañá martes, a partir das 10:00 horas, xa poderás utilizar o Parque Canino de Carballo. O recinto, situado na zona do San Martiño, está delimitado por un cerramento de postes de madeira e valla metálica que ten como finalidade impedir a saída involuntaria dos cans. A instalación é totalmente desmontable, e está dotada cun banco e unha papeleira na zona de estancia das persoas usuarias. A construción, na que investimos 8.740,06 euros, correu a cargo da empresa Soluciones Constructivas Xemapal.

Hoxe rematou a sinalización do recinto, tanto con indicadores direccionais nas rúas da contorna coma cos paneis e carteis que conteñen as normas de uso. En principio, e dadas as restricións vixentes para evitar a propagación da COVID-19, o aforo do parque estará limitado a 10 persoas coas súas mascotas, xa que os animais deben estar acompañados e vixiados polos seus propietarios.

O obxectivo do Parque Canino é ofrecer unha área de xogo controlada para os cans, que deben estar rexistrados e contar co correspondente chip de identificación. Os animais de razas potencialmente perigosas non poderán estar soltos nin sen buceira. As normas completas poden consultarse na imaxe inferior.

Compartir: